Mondariz queda sen alcalde

O pleno deste concello ratifica a dimisión do goberno local, á espera doutro encontro para nomear novo alcalde

Por Erik Dobaño | VIGO | 19/09/2024 | Actualizada ás 21:49

Comparte esta noticia

O pleno do Concello de Mondariz  confirmou este xoves a dimisión do goberno local, integrado por cinco concelleiros de Alternativa por Mondariz (AxM) e presidido por Xoán Carlos Montes, despois de que a semana pasada presentasen a súa renuncia, denunciando o "bloqueo" por parte da oposición.

Así, na tarde deste xoves levouse a cabo o pleno necesario para ratificar esta dimisión, á espera de convocar un novo encontro da corporación local para nomear outro rexedor. Segundo os propio Montes, o seu partido rexeitou a proposición 'in extremis' presentada este pasado mércores polo BNG, que ofrecía a AxM continuar no poder, a cambio de saír do goberno o actual alcalde (e tamén abandonaría o seu cargo a cabeza de lista do Bloque, o nacionalista Emilio Barros).

Finalmente, desde AxM decidiron continuar coa súa decisión e dimitir conxuntamente. Agora, será precisamente o exalcalde o que terá que encargarse de convocar un novo pleno, por ser o concelleiro de maior idade e que máis anos leva de edil.

O equipo de 'Calis', cun goberno en minoría, leva días advertindo de que ese "bloqueo absoluto" de PP (3 concelleiros), BNG (2 concelleiros) e PSdeG (unha representante) puña en risco a estabilidade do municipio, e ante a falta de acordo para aprobar os orzamentos municipais, o rexedor apelou ao "sentido da responsabilidade" do resto de grupos.

Alternativa por Mondariz pediu a nacionalistas, 'populares' e á concelleira socialista abrir unha vía de negociación para aprobar as contas e dar luz verde a un plan de pago da débeda a 14 anos. Non poder contar con orzamentos, advertía, provocaría a intervención do Concello por parte do Estado e a obrigación de devolver a débeda en 5 anos, "o que suporá a asfixia total" de Mondariz.

Xoán Carlos Montes Bugarín, ex alcalde de Mondariz
Xoán Carlos Montes Bugarín, ex alcalde de Mondariz | Fonte: CONCELLO DE MONDARIZ

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta