Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 20/09/2024 | Actualizada ás 14:14
Galicia arrincará este luns 23 de setembro a campaña de vacinación destinada a protexer aos colectivos máis vulnerables contra a gripe e a covid-19. O Servizo Galego de Saúde (Sergas) comezará esta estratexia de dobre vacinación nas residencias de maiores e centros de discapacidade. Ademais, introducirase a inxección para bebés que prevén o virus respiratorio sincitial (VRS), responsable da bronquiolitis.
A dobre vacinación contra a covid e a gripe comezará para as persoas inmobilizadas a partir do 7 de outubro. O 14 de outubro será a quenda do persoal sanitario, das persoas inmunosupresas e dos maiores de 80 anos. A partir do 26 de outubro, recibirán a vacinación os grandes dependentes menores de 80, embarazadas, grupos de risco e o resto da poboación diana.
Paralelamente, a campaña da gripe, que é estacional, diríxese a nenos de 6 a 59 meses, estudantes de centros sanitarios e sociosanitarios, e persoal que traballa en educación infantil e en contacto directo con animais. Tamén incluirá a fumadores e a persoas con determinadas condicións médicas, que están en maior risco de complicacións.
Entre as novidades desta campaña, o conselleiro de Sanidade anunciou a introdución dunha vacina intranasal contra a gripe para nenos de entre dous e cinco anos. Ademais, este ano vacinarase ao persoal dos centros de educación infantil onde hai nenos de ata cinco anos, así como a coidadores de persoas inmobilizadas que non poden desprazarse.
A directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, explicou que o obxectivo principal é reducir as complicacións da gripe e da covid, así como manter altas taxas de vacinación en Galicia en comparación co resto de España. A campaña tamén continuará o ensaio clínico 'GalFlu', que busca avaliar a eficacia da vacina de alta carga da gripe en persoas de entre 65 e 79 anos.
A vacinación contra a covid e a gripe levarase a cabo en varios puntos, incluíndo residencias de maiores, hospitais e centros de atención primaria, ata o 31 de decembro. A vacinación contra o VRS comezará o 23 de setembro e prolongarase ata o 31 de marzo de 2025, dirixida principalmente a nados durante a campaña e a bebés en grupos de risco.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.