(Vídeo) Santa Minia, a nena romana mártir cuxos ósos deron lugar a unha romaría que conta con 150 anos de antigüidade

Foi atopada no ano 1781 nas catacumbas romanas de Santa Inés e traída a Galicia por un emigrante galego que adquiriu a súa imaxe en Cádiz. Cada 27 de setembro réndeselle culto nunha multitudinaria festa onde os exvotos son protagonistas.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 28/09/2024 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Galicia é terra de meigas, pero tamén de santos. Precisamente porque existen crenzas paganas é que na nosa terra arraigaron tamén as festividades cristiás. E, aínda que a día de hoxe a relixión está en decadencia, aínda quedan en Galicia lugares de peregrinación e fe que non perden devotos por máis anos que pasen. Un deses templos é o templo de Santa Minia, en Brión, onde cada 27 de setembro arredor de 45.000 persoas asisten á romaría tradicional comezada no século XIX, onde é costume portar velas con forma de corpos ou pernas que logo se depositan no santuario a xeito de ofrendas para santa, á que se lle adoita pedir que sane as dores dos fieis. A cambio, estes dánlle tamén lismosnas e, aínda que xa menos, mesmo hai aqueles que peregrinan de xeonllos ata o santuario. Dende o Galicia Confidencial achegámonos estes días á romaría que se celebra na contorna do santuario de Pedrouzos para observar como a tradición nesta zona se mantén case intacta.

Santa Minia de Brión
Santa Minia de Brión | Fonte: Turismo de Galicia

En total, organízanse en torno a unha vintena de misas que se dividen en catro días de celebración relixiosa (aínda que tamén hai verbena con orquestras pola noite, atraccións para os nenos e mercadillo con alimentos e roupa). Dende ben cedo, cada mañá, centos de persoas se agolpan ás portas da igrexa para ver a imaxe da santa e suplicar favores. Á fronte do santuario, varios postos de ceraría venden as ofrendas: pés, mans, corazóns, dedos, corpos enteiros... Todas as doenzas están contempladas. Os devotos mercan estes exvotos e deposítanos aos pés do retablo, no alto do que se atopa a imaxe de Santa Minia, conservada nunha furna (realizada polo escultor santiagués López de Pedre no ano 1906). Seguidamente, a tradición consiste en pasar por detrás dela (hai unhas escaleiras habilitadas para tal fin) para pedirlle saúde, bicando a parte traseira da furna que contén a súa imaxe ou frotando sobre a mesma unha estampa coa imaxe da mártir. Esta procesión ritual non se detén practicamente en ningún intre do día, pois realízase durante os intervalos nos que non hai cerimonia no templo.

A pregunta é: que ten de especial esta santa para ser tan venerada? Pois, entre outras cousas, que a súa figura trátase dun relicario esculpido en cera que alberga os ósos, envoltos en algodón en rama e forrados e cosidos en tela de liño, dunha nena atopada nunhas catacumbas de Roma aló polo ano 1781, é dicir, fai uns 350 anos. A imaxe, cun rostro desencaixado de dor e unha ferida sangrante aberta no pescozo, permanece recostada nun colchón, xirada á dereita, coa cabeza apoiada en dous coxíns, e loce unha peluca de pelo natural, vestindo unha túnica de raso de noble doncela romana en branco con detalles en ouro e prada, sandalias e capa carmesí. Ademais, sobre a cabeza porta unha coroa de frores brancas e no seu peito a cruz de Malta. Aínda que non se puido chegar nunca a demostrar, a lenda conta que eses ósos pertencen á unha rapaza chamada Minia, pertencente a unha familia romana de elevada posición social que nacera arredor do ano 347. Tratábase dunha firme defensora do cristianismo nun tempo no que non estaba ben vista esta relixión e no que se perseguía á xente por motivos de fe, de tal xeito que rematou por ser degolada e sepultada nas catacumbas de Santa Inés

Sexa cal sexa a historia real, o certo é que o corpo da mártir, achado nas catacumbas a finais do século XVIII, foi extraído das mesmas e posto a disposición de Pío VII o 17 de abril de 1783, tras o que pasou a mans de Giuseppe Bartolomeo Menocchio, sacerdote da Orde de San Agustín encargado da extracción dos restos. Este entregounos, a modo de obsequio, xunto coa lápida de mármore que cerraba o lóculo, ao reverendo Juan Francisco Arieta o 8 de xuño de 1804. Na súa posesión as reliquias só estiveron un mes, regalándoas logo a Tomás de Anduaga, un acaudalado mercader oriundo de Cádiz. Reducido o cadáver a un esqueleto, Anduaga decidiu gardar os restos óseos no interior dunha estatua de cera co fin de embelecer a reliquia, na que gravou 'O corpo desta Santa entrou na miña casa o día 10 do mes de agosto do ano do Señor de 1804 e colocouse no oratorio en dito día'. A estatua, a lápida e unha pequena vasixa co sangue da mártir, foi exhibida na capela privada de Anduaga e venerada durante máis de catro décadas pola súa familia. Tras o deceso do mercader e o peche do oratorio, as tres reliquias quedaron en poder de Luis Finoquio, representante da familia, quen, case de inmediato, procedeu a entregarllas a Luis Tobío, cumprindo co desexo de Anduaga.

Luis Tobío, quen traballara para o finado Anduaga, obtivo as reliquias o 27 de outubro de 1847, momento no que decidiu volver a Brión, a súa terra natal, levándose o corpo da santa co fin de erixir un santuario na aldea que o acollese para a súa veneración. Informado sobre a maneira de transportar os restos a Galicia, Tobío emprendeu unha viaxe por mar rumbo ao porto de Vigo e proseguiu a ruta ata Brión levando os restos nun carro. Tras chegar á vila o 1 de agosto de 1848, escribiu unha carta a Rafael de Vélez, arcebispo de Santiago, pedindo autorización para o culto a Santa Minia na igrexa parroquial, dedicada a San Félix, feito que foi autorizado mediante o recoñecemento oficial do culto á mártir o 17 de novembro dese ano de 1848. A devoción que os feligreses profesaban á santa tivo tanto éxito, tal e como proban os numerosos exvotos conservados desa primeira época, que Tobío decidiu comezar a construír un santuario adicado exclusivamente a acoller as reliquias, para o cal solicitou permiso ao arcebispado, ademais de recaudar diñeiro por diversas aldeas da comarca e realizar todas as xestións pertinentes para certificar a autenticidade dos restos, así como para probar o martirio da santa.

Vélez autorizou a construción do santuario dende a súa residencia de verán en Lestrove o 23 de xuño de 1849, se ben non sería ata o 17 de xaneiro de 1851, tras varios contratempos, cando o arcebispado comunicaría ao arcipreste o permiso para dar comezo ás obras. A ubicación do santuario en Pedrouzos, lugar considerado máis convinte para o emprazamento da mártir, contou coa oposición dalgúns feligreses, que temían que a igrexa parroquial perdese a fama e o apoio do clero que adquirira tras a chegada das reliquias. A pesares de todo, finalmente serían trasladadas á súa nova sede o 26 de setembro de 1868, en pleno estalido da revolución de 'A Gloriosa'. Pode que precisamente por esa revolución o santuario quedase inconcluso. Tanto a nave como a sacristía foron levantadas entre 1851 e 1857 polo mestre canteiro Manuel Novás, comezando no mes de xullo de 1857 a construción do cruceiro e a cúpula barrocas. As labores continuaron nos anos seguintes, se ben hoxe en día o santuario permanece inconcluso, faltando as capelas laterais do cruceiro, a nave, a fachada e o campanario. Tobío acabaría obtendo o patronato de Santa Minia, o que supoñía a percepción da décima parte dos ingresos do templo, exercendo este dereito os seus descendentes ata 1977.

É moi probable que a estatua de cera fose elaborada en Roma, lugar onde existían obradoiros especializados neste tipo de imaxes. Todos os 'corposantos' eran orixinalmente propiedade do Vaticano, sendo costume que os pontífices os vendesen a persoas acaudaladas ou os agasallasen co fin de saldar algunha débeda; o novo propietario da reliquia, consistente nun esquelete enteiro ou parcial, adoitaba acudir a un dos obradoiros de arte sacro da cidade co obxectivo de embelecer o cadáver mediante a súa introdución nunha escultura xacente posto que a visión descarnada dos ósos podía resultar desagradable ademais de non invitar á devoción. A práctica de ocultar os ósos en estatuas e de mellorar o aspecto dos cadáveres con coberturas céreas levou a crer, equivocadamente, que estes corpos se achaban incorruptos ou momificados.

Actualmente, a fama do nome de Minia é, precisamente, consecuencia da popularidade do santuario de Brión. De feito, segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE), a día de hoxe hai en España unicamente 200 mulleres que se chaman Minia, cunha idade media de 41,1 anos, 191 delas en Galicia: 16 na provincia da Coruña, 28 na de Lugo e 36 na de Pontevedra. As 9 restantes residen en Barcelona.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta