Temas: PARO

O PP fala de “bos datos” malia que Galicia é líder na suba do paro en decembro

A campaña do Nadal serviu para baixar o desemprego en España, pero non en Galicia. O número de desempregados inscritos no Inem caeu no Estado o mes pasado en 55.790 persoas (-1,34%) , pero aumentou en Galicia en 3.650, a comunidade autónoma cun maior incremento (1,62%). Malia isto, o PPdeG saca peito, mentres que PSdeG e Comisións piden cambios de políticas.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 05/01/2016 | Actualizada ás 16:40

Comparte esta noticia

Frente a estes malos datos, a Xunta e o PP aférranse ao feito de que o desemprego cae en termos interanuais. Agora hai 23.110 parados menos que hai un ano, o que significa unha caída de máis do 9%.

Miguel Tellado
Miguel Tellado | Fonte: ppdegalicia.com

Partido Popular

O voceiro dos populares galegos, Miguel Tellado, salientou que estas cifras confirman "unha progresiva mellora do mercado laboral xa que a nosa comunidade volve posicionarse a niveis de paro inferiores aos rexistrados en 2010, hai xa cinco anos". O político apuntou que os "bos datos do paro" colócanos nunha "boa posición para encarar o novo curso que se inicia coa entrada de ano, facendo fincapé en que por fortuna xa non é noticia que o desemprego baixe senón que é parte do ámbito cotidiano”.

O portavoz sinalou que a redución interanual no número de desempregados supón unha baixada do 9,17%, descendendo 1,2 puntos máis que no conxunto de España, onde a baixada non supera o 7,9%.

PSdeG

Unha visión de todo diferente aporta o portavoz do PSdeG no Parlamento. José Luis Méndez Romeu cre que a Xunta “perdeu o control do mercado de traballo e dos sectores estratéxicos para Galicia” .

Méndez Romeu sinala a Feijóo e ao PP como “responsables directos do estado do país, das severas limitacións impostas á cidadanía e o deplorable horizonte presentado ás novas xeracións”, que se ven obrigadas a emigrar en busca dun posto de traballo.

Os socialistas limitan ademais as modificacións anunciadas polo PP na política laboral para o ano 2016 a meros “cambios cosméticos” xa que “nada ten cambiado ata agora”.

Comisións Obreiras

Dende Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia (CCOO) considera que os «pésimos» datos do paro en Galicia son «o reflexo da teima de Feijóo nos axustes». A central ribúe a destrución de emprego en Galicia a que os sectores produtivos básicos están «abandonados» e a que se seguiu apostando pola construción e os servizos de baixa calidade e pouco valor engadido, que continúan a ser unha «sangría» de postos de traballo.

O paro rexistrado sobe por cuarto mes consecutivo en Galicia: había 3.650 persoas máis en paro ca no mes de novembro, o que equivale a unha suba do 1,62 %. Pola contra, na media estatal baixou un 1,34 % (en cifras absolutas, son 55.790 persoas paradas menos). A suba céntrase nos homes (4.115 máis fronte a 465 paradas menos) e nas persoas de 25 ou máis anos (3.918 máis fronte a 268 menos menores de 25 anos).

O paro rexistrado sobe en todos os sectores de actividade agás no colectivo sen emprego anterior (336 persoas paradas menos). Hai 2.095 persoas paradas máis na construción, 1.318 na industria, 459 no sector primario e 114 nos servizos.

Desde decembro de 2014 hai 23.110 persoas desempregadas menos (−9,17 %). O paro rexistrado baixa máis nos homes ca nas mulleres (14.568 parados menos fronte a 8.542 paradas menos); de feito, a redución do desemprego por sectores é xeneralizada pero, en proporción, é máis intensa na construción (−17,71 %) e na industria (−16,23 %).

Análise da contratación

Rexístranse demasiados contratos temporais: en decembro rexistráronse 64.241 nas oficinas dos servizos públicos de emprego (o 93,58 % do total) fronte a só 4.405 foron indefinidos (o 6,42 % do total). A contratación indefinida baixa tanto na comparación mensual (874 contratos indefinidos menos fronte a 1.450 contratos temporais máis) coma na anual (39 indefinidos menos fronte a 9.591 temporais máis).

Afiliación á seguridade social

Outro mes máis volve a caer a afiliación media á seguridade social na nosa comunidade autónoma (un —0,32 %) e, pola contra, na media estatal subiu nun 0,50 %. En termos anuais, a afiliación á seguridade social avanza menos en Galicia ca no conxunto do estado: un 2,12 % fronte ao 3,18 %.

O pasado mes de decembro había 946.122 afiliacións á seguridade social. Son unhas 3.000 menos ca no mes anterior: 2.537 menos no réxime xeral, 215 menos no de autónomos e 258 menos no do mar.

Desde decembro de 2014 hai 19.641 afiliacións máis, pero ese incremento non é xeneralizado. Por réximes, a cifra de afiliación baixa no réxime do mar (766 persoas afiliadas menos) no de autónomos (257 afiliacións menos) e no do fogar (42 menos). Ademais, baixa moito máis o paro rexistrado do que se incrementa a afiliación á seguridade social (23.110 persoas menos en paro fronte a 19.641 afiliacións máis) e entre as causas que o explican pode estar a emigración e a retirada do mercado laboral de persoas desanimadas pola falta de oportunidades.

Prestacións por desemprego

No mes de novembro de 2015 había 110.815 persoas a cobraren unha prestación por desemprego, son 17.636 persoas beneficiadas menos ca hai un ano, e a situación agrávase porque hai máis percibindo un subsidio por desemprego que unha prestación contributiva. A súa repartición é a seguinte: 52.757 percibían un subsidio por desemprego, 45.279 contributivas, 11.839 a renda activa de inserción e 940 correspondían ao programa de activación de emprego.

A cobertura do sistema de protección por desemprego durante o mes de novembro de 2015 foi do 53,6 %, mentres que un ano antes era do 56,3 %. Polo tanto, en Galicia hai máis de 95.000 persoas paradas que teñen experiencia laboral mais non cobran prestacións por desemprego.

Temas: PARO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

3 Ana

Precisamos un goberno que esixa o dereito de Galiza como nacion a defender os seus intereses directamente na UE. Un goberno que fomente a nosa lingua propia en todolos ambitos. Un goberno que traballe para que Galiza se beneficie de ser terra productora de enerxia pagando menos pola enerxia para asi atraer inversions e fomentar a creacion de emprego. Un goberno que aposte por crear unha banca publica galega. Un goberno que colabore na creacion dun potente sector lacteo que cree emprego no medio rural no so coa leita, tamen coa produccion doutros derivados (queixo, yogur,etc) . Un goberno que traballe por solucionar o problema demografico. Un goberno que tenda pontes con Portugal e Iberoamerica no ambito economico e cultural. Un goberno que teña un proxecto de pais.

1 sesese

Dacordo contigo, pero o caso e que che fagan caso en europa e ter a quen venderllse todo eso que mencionas

2 Ana

Paro, emigracion, problemas demograficos, sectores economicos en crise, salarios e pensions baixos, a lingua galega perdendo falantes e con pouca ou ningunha presenza en moitos ambitos, sin avances no autogoberno, etc. Sen dubida estamos ante o peor goberno que tivo Galiza en moito tempo. Mentras,a Catalunya gobernada polo nacionalismo sigue atraendo inversions e acollendo a moitos galegos que se ven obrigados a emigrar por falta de futuro na sua terra. Eu teño claro que os problemas de Galiza son a falta dun goberno nacionalista, o centralismo e unha UE que non defende os nosos sectores economicos e nos condea a seguir emigrando.

1 Remigio

Para Tellado que en Galicia aumente o paro é un bo dato