Os ritos da vida e da morte na tradición galega da man de Filgueira Valverde

Como conclusión do Ano Filgueira Valverde, Editorial Galaxia tira do prelo o terceiro volume da serie Adral, adicada a reflexionar sobre os ritos da vida e da morte, as crenzas, as artes e os mesteres.

Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 08/01/2016 | Actualizada ás 12:59

Comparte esta noticia

Continuando coa publicacións da Biblioteca Filgueira Valverde, ilustrada en cuberta coa obra pictórica de Ovidio Murguía, Editorial Galaxia tira do prelo o Terceiro Adral de Xosé Filgueira Valverde, autor ao que se lle adicou o Día das Letras Galegas de 2015. Os seis volumes restantes publicaranse en senllas entregas sucesivas nos dous próximos anos.

Filgueira Valverde
Filgueira Valverde | Fonte: galaxia

Escritos coa intención "de manter viva a vocación de entregar aos demais o que un vai adeprendendo", Xosé Filgueira Valverde xuntou artigos escritos incialmente para os xornais e foinos publicando en libro, co título de Adral, desde 1979 ata o ano da súa morte. A unidade vén dada por un fito, Galicia, e pola vontade de servir á súa cultura.

No Terceiro Adral, Filgueira Valverde reúne unha combinación de temas diversos iluminados pola súa reflexión sobre os ritos da vida e da morte, sobre o sagrado e o profano, os costumes e as crenzas, sobre as artes e os mesteres. Concibidos polo seu autor como evocacións e lembranzas, os artigos que forman este volume aproveitan a fidelidade que xorde da erudición e o humor que o espírito crítico favorece para tratar unha variedade de asuntos a través da que se manifesta unha maneira de ser e de escribir inspirada pola curiosidade intelectual. A alternancia das ciencias da natureza e das humanidades é outra das constantes que dan unidade á obra, ademais das homenaxes continuas á creación artística. O autor sempre ten presente a súa maneira de concibir o libro como "lecer nos traballos e compañeiro nas horas de señardade", como fonte de aprendizaxe e divertimento simultáneos.

Xosé Fernando Filgueira Valverde, homenaxeado en 2015 co Día das Letras Galegas, naceu en Pontevedra en 1906. Realizou estudos de Dereito, Filosofía e Letras e Psicoloxía. En 1923 formou participou na fundación do Seminario de Estudos Galegos, onde dirixiu a sección de Historia da Literatura. Foi membro da Real Academia Galega desde 1942 e correspondente das Reais Academias de Historia, de Lingua e de Belas Artes de San Fernando. Dirixiu o Museo Rosalía de Castro, o Instituto Padre Sarmiento de Estudos Galegos e o Museo de Pontevedra. En 1982 e 1883 foi Conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia. Recibiu numerosos premios como recoñecemento ao seu traballo e erudición.

A súa obra literaria abrangue o xornalismo, a narrativa, a poesía, o ensaio e o teatro. O seu libro máis coñecido é o volume de prosas literarias Quintana viva (1971, reeditado en 2015). Teñen especial relevancia as achegas que Filgueira Valverde fixo no campo da investigación. Boa parte do seu traballo nesta área aparece nos nove volumes editados baixo o título xenérico de Adral entre 1979 e 1996, dos que Editorial Galaxia recuperou xa os volumes Primeiro, Segundo e agora o Terceiro. As súas achegas sobre lírica medieval reuníronse no libro Estudios sobre lírica medieval: traballos dispersos (1927-1987). Morreu en 1996 en Pontevedra, cidade da que foi alcalde.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta