O camiño de Compromiso

Vivimos tempos de mudanzas, confusos, onde as certezas doutra hora e os paradigmas existentes axudan moito menos que antes para comprender a realidade política que nos rodea. A política galega non é allea en absoluto aos novos tempos e os últimos acontecementos electorais viñeron a reconfigurar parcialmente o mapa político; nalgúns casos precipitando tendencias xa existentes, noutros minando a fortaleza de ofertas políticas que parecían graníticas como as do Partido Popular.

Por Manuel González L. | Outes | 13/01/2016

Comparte esta noticia

As incertezas propias deste tempo non poden sen embargo facernos ignorar ou non ver o que a sociedade, agora con máis claridade que antes, está a indicarnos. O deterioro do bipartidismo así como a remuda no nacionalismo, prodúcese en paralelo á eclosión dun suxeito político aínda en construción que por non ter non ten nin un nome definido, se ben todos identificamos xa coa Marea. Aí se reúne hoxe a vontade e a ilusión de cambio da sociedade galega, e digo hoxe porque en política o tempo presente é o decisivo, máis en momentos revoltos. Quizais puidera ter sido doutro xeito, doutro máis achegado á outras formas de ver o país e a sociedade, pero a realidade é a que é.

Nese contexto os actores políticos existentes e os que naceron neste proceso de creación destrutiva, por usar a terminoloxía de Joseph Schumpeter, teñen dúas opcións. Agardar a que escampe, a tempos mellores, ou adaptarse acorde aos ritmos e á dirección que marca a sociedade. As dúas xeran incertezas, as dúas teñen custes e beneficios pero, non nos equivoquemos, as dúas son escravas da ditadura que xoga o “hoxe” en política. Recollo aquí as verbas de John Maynard Keynes “no longo prazo todos mortos”, e non coa finalidade de xuntar a dous economistas insignes do século XX no mesmo parágrafo.

No caso que nos ocupa, o de Compromiso por Galicia, coido que é momento de realizar unha aposta decidida por sumar o seu capital político e o seu acervo ideolóxico a ese suxeito en construción nucleado pola Marea. Negar que iso significa facer concesións na nosa práctica política e tamén concesións ideolóxicas sería negar o evidente. Pero non tomar esa decisión sería ignorar o que, gústenos ou non, nos vén dicindo a sociedade dende que nacemos até hoxe. E o que nos está a dicir é que alí onde Compromiso pode presumir de gañarse a súa confianza, que foi polo momento só no ámbito municipal, as sinerxías e a compatibilidade coa Marea é practicamente plena. Alí onde temos alcaldía (Vilar de Santos, Lalín e Muros) e onde obtivemos un resultado superior ao 20% (Maceda, Outes e Ourol) Compromiso non competiu coa Marea e/ou percibiuse como a alternativa ás forzas políticas clásicas. Esta dinámica é a mesma en practicamente todos os concellos nos que obtivemos representación en solitario (A Baña, Arzúa, Barbadás, Betanzos, Cualedro, Guitiriz, Láncara, O Paramo, Ribadavia, Samos e Taboadela). Evidentemente a compatibilidade é plena alí onde o partido ou a nosa afiliación se presentou en fórmulas plurais asimilables á Marea como en A Coruña, A Pobra, As Pontes, Culleredo, Lugo, Noia ou Sarria. Tamén o é na maioría dos concellos onde nos presentamos pero non obtivemos representación.

En definitiva, é o momento de virar o rumbo  e de tomar decisións que por ser complexas non deixan de ser precisas e inmediatas. Debémolo facer sen renunciar ao noso proxecto e a agrandar unha casa na que sabemos que moitos homes e mulleres, algúns aínda noutras, se sentirían cómodas. Hoxe o galeguismo socialdemócrata precisa á Marea para poder ser útil á sociedade do mesmo xeito que, sen ánimo pretensioso, penso que a Marea precisa de Compromiso para poder avanzar cos pés máis apegados á terra.  

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Manuel González López Nado en Outes (1975). Doutorouse en Economía Aplicada na USC logo de ampliar estudos na Universidade de Manchester e na Copenhagen Business School. Na actualidade é profesor no Departamento de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela.