Rueda avala os contratos á firma do irmán da súa secretaria xeral de Presidencia: "Están fiscalizados"

Di descoñecer con quen pecha cada departamento os contratos menores e non aclara se Cuíña comparecerá.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/10/2024 | Actualizada ás 15:43

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, asegurou descoñecer con quen contrata cada departamento do seu Goberno cando necesita liquidar cuestións ligadas co rexistro e vixilancia de patentes e marcas, aínda que avalou implicitamente os contratos coa firma do irmán da súa secretaria xeral de Presidencia, Beatriz Cuíña, ao afirmar que este tipo de adxudicacións (sen concurso público) realízanse a través de "un procedemento normal, transparente e fiscalizado".

Así o defendeu, ao termo da reunión semanal do seu Executivo, a preguntas sobre a información publicada polo 'eldiario.es', que revelou este luns que a Xunta pagou no últimos sete anos 782.666,5 euros en 272 contratos concedidos 'a dedo' (pola vía do contrato menor) ao irmán de Beatriz Cuíña, quen ocupa un dos principais cargos da súa contorna: a Secretaría Xeral de Presidencia.

O diario dixital publica que a firma do irmán de Cuíña (Gallaecia Patentes e Marcas) recibiría contratos menores nos últimos sete anos (que se disparou en 2021) por un importe que se aproxima ao 70% de toda a facturación na empresa nese período, ademais de ser significativamente máis elevado que o que reciben o resto de compañías similares coas que traballa a Administración galega.

Non en balde, Rueda defendeu que "aquí e na maioría de administracións" recórrese a despachos especializados para o rexistro e vixilancia das patentes e marcas. "Iso é o que fan os departamentos da Xunta. Con quen contrataba cada un descoñézoo completamente. Hai varias marcas que participaban", indicou.

A continuación, engadiu que "o procedemento a través do contrato menor é habitual desde hai moitísimos anos" e resaltou que os datos que inclúe a propia información --aínda que asegurou non estar seguro de se son correctos-- foron extraídos "da información da propia Xunta", a través de Transparencia.

Os contratos deste tipo están "fiscalizados", continuou, non só polo Consello de Contas (que cuestiona o 'abuso' desta vía de forma reiterada nos seus sucesivos informes) senón tamén, nos distintos departamentos autonómicos, a través da Intervención Xeral da Xunta. "Pouco máis podo dicir que iso: é un procedemento normal, tranparente e fiscalizado", aseverou.

COMPARECERÁ CUIÑA?

Despois de que tanto BNG como PSdeG fixesen públicas as súas sospeitas ante a información de 'eldiario.es' e avanzasen a súa intención de pedir que Beatriz Cuiña compareza na comisión de investigación que botou a andar no Parlamento (a impulso dos nacionalistas) para analizar, entre outras cuestións, algunhas contratacións da Administración autonómica, Rueda evitou clarificar se o PP impedirao.

"Acábome de decatar (da devandita solicitude)", replicou, e insistiu en que o urxente, ao seu xuízo, é que "se acoute" o contido dunha comisión na que o BNG pretendía non só investigar contratos con firmas como Eulen, onde é directiva a irmá de Alberto Núñez Feijóo, senón tamén o modelo de financiamento do Hospital Álvaro Cunqueiro, a raíz do informe de Contas sobre o mesmo.

"A ansia do BNG por crear esa comisión de investigación transformouse en non saber moi ben a que ten que dedicarse. Que acouten do que queren falar e fagan o que consideren", salientou, en referencia aos dous principais grupos da oposición, antes de concluír que "sería bo" que se peche "canto antes" o obxectivo deste órgano parlamentario en aras de que sexa "operativo".

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, antes de participar nun Consello da Xunta
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, antes de participar nun Consello da Xunta | Fonte: XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta