Temas: CRTVG CUT

Os traballadores da CRTVG cobrarán milleiros de euros atrasados

A dirección do ente público acepta pagar as infracotizacións dos últimos cinco anos. Nalgúns casos alcanzan os 600 euros mensuais.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 18/01/2016 | Actualizada ás 11:15

Comparte esta noticia

A Central Unitaria de Traballadoras e Traballadores (CUT) e a dirección de recursos humanos da Corporación Radio-Televisión de Galicia (CRTVG) acaba de fechar un acordo que supón que os seus traballadores cobren que deixaron de percibir por infracotizacións durante os últimos cinco anos.

Unidade móbil da Televisión de Galicia (TVG)
Unidade móbil da Televisión de Galicia (TVG) | Fonte: PSdeG

Na xuntanza celebrada o pasado venres baixo a supervisión da Inspección de Traballo (ITSS), a raíz da denuncia presentada pola CUT en setembro, aprobáronse os cinco criterios de restauración da legalidade que precipitarán a liquidación das cantidades debidas ao persoal nos próximos 6 meses, sen necesidade de reclamacións xudiciais.

Este pacto chega despois dunha intervención do Director Xeral en sede parlamentaria na que  recoñeceu unha débeda de 1.600.000 euros, declaración que posibilitou o inicio dunha serie de conversas entre denunciante e denunciada. Soluciónase así a infracotización detectada  nas liquidacións da empresa coa Seguridade Social pola insobservancia do Real Decreto 8/2010 e outros incumprimentos, que provocaron unha merma nas cotizacións que nalgúns casos alcanzan os 600 euros mensuais, cun prexuízo directo sobre as prestacións do persoal, como maternidades, incapacidades temporais, xubilacións, pensións de orfandade, ou a propia prestación de desemprego.

Criterios de restauración da legalidade

Segundo informa a CUT nun comunicado, a través deste acordo a empresa recoñece o dereito do persoal a manter as bases de cotización existentes en maio de 2010 en todos os supostos que contempla a lei, e comprométese a realizar as liquidacións complementarias non practicadas no seu día das persoas que viron a súa antigüidade recoñecida por sentenza xudicial. Asimesmo devolveranse as contías da cota obreira indebidamente detraídas durante o 2015 nun intento fallido de regularización unilateral empresarial.

Pola súa banda, a empresa comprométese tamén a un recoñecemento certificado desa falta de cotización para que as traballadoras e traballadores que viron mermadas as súas prestacións que hoxe por hoxe xa non cubre a Seguridade Social poidan reclamar a diferenza sen procesos xudiciais inútiles. Finalmente, daráselle igual trato ao persoal fixo que ao persoal das listas de contratación con concatenación de contratos, coa convicción ética e xurídica de que a temporalidade non pode ser baixo ningunha condición motivo de discriminación na cotización á seguridade social.

A partires deste recoñecemento, as traballadoras e traballadores que acceden ou accederon a prestacións neste período pasarán a cobrar estas conforme á legalidade, recuperando unha perda económica que repercutiu directamente na súa economía, e polo tanto, na súa calidade de vida.

"Péchase así un ciclo de conflito onde as dúas partes, tras superar as difíciles probas dun pacto de difícil alcance, sumaron paciencia e razón para superar as diferenzas e acordar en favor da dignidade das traballadoras e traballadores, polo que saudamos todo o esforzo investido en chegar a acordos que favorecen unhas relacións laborais baseadas na confianza e a boa fé", apunta a CUT.

Temas: CRTVG CUT
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta