Nós e as Irmandades da Fala

Descoñecese polo momento o programa de actos que a Xunta de Galicia vai preparar para celebrar o Ano da Irmandades da Fala a instancias do Parlamento de Galicia, que aprobou por unanimidade unha resolución para conmemorar o centenario da fundación daquela organización que procurou novos espazos para a lingua galega, continuando por outros roteiros o labor dos homes e mulleres do Rexurdimento.

Por Xosé Glez. | Redondela | 18/01/2016

Comparte esta noticia

Tiveron o mérito de elaboraren propostas orixinais (declararar a soberanía estética de Galicia e avogar pola igualdade de xénero, por exemplo.), e outras novidosas para normalizar a lingua galega nos usos administrativos, xurídicos, actividades socioeconómicas, na música, os espazos de lecer e nas disciplinas científicas. A composición interdisciplinar dos seus membros fixo posible que  as alternativas do seu discurso abranxese a transversalidade da actividade social. Eran conscientes de que esta tarefa precisaba dunha pedagoxía cultural audaz para facer fronte aos tópicos que aferrollaban e tollían a autoestima   do pobo.

En palabras daqueles próceres, ningún tópico foi tan sobado como o amor a Galicia. Escoitámolo aínda hoxe a cotío nos máis diversos tons declarativos, xa sexa para mitigar sentidas protestas de galeguismo, ou para encubrir a turba apariencia de accións inxustificables.

Vicente Risco cuestionaba os comportamentos dos sectores sociais que deostaban a cultura galega coa argallada recorrente de que “amaban a Galicia como el que más”. Velaí o tópico, o clixé, a frase estereotipada con que todos os malos galegos e galegas queren desimular a falta de conciencia patriótica. Peña Novo, unha das mentes máis lúcidas do galeguismo das Irmandades da Fala, fixera o diagnóstico de tales comportamentos: “son os que teñen medo a manifestárense integramente galegos; galegos na lingua, galegos na arte, galegos na política; galegos en todas as afirmacións da nosa vida individual e colectiva. Medo a ser, nunha palabra, demasiado galegos”.

Os complexos lingüísticos e culturais están aínda ben chatandos nunha parte da sociedade. Para removelos é preciso unha reformulación dos métodos empregados que nas últimas décadas non foron válidos. Porque nunca tivo a lingua galega tantos medios e recursos humanos para dignificala e normalizala como durante as últimas décadas, e, sen embargo, os resultados acadados foron máis ben magros. As organizacións sociais, sindicais e políticas careceron de realismo e foron dadas a practicaren o victimismo  e ocos rituais como medios para acadaren o obxectivo da galeguización. De aí o fracaso.

A falta de coherencia é outros dos nosos andazos. Imaxinan  vostedes a un gandeiro participando nas concentracións en defensa do sector lácteo á hora do xantar bebendo viño de Rioja? Pois si, eu presenciei esa contradición. E tamén a dun grupo de escritores en lingua galega que despois de participar nunha mesa redonda denunciando o abondono do sector do libro acuden a mollar a palabra con viños etiquetados en castelán? Tamén eu presencie ese feito. E que dicir dos que podendo ter unha escritura de propiedade ou outorgar un testamento en galego desaproveitan á oportunidade e consinten que llelos fagan en castelán?. Ou dos que perpetúan nos cemiterios a memoria dos galegos falantes en castelán?.

A s Irmandades da Fala insistiron moito na importancia das conductas individuais, na fortaleza das conviccións para  remover os atrancos  e avanzarmos  na recueperación dos nosos sinais de identidade. Estamos en tempos de mudanzas sociais que nos deben obrigar a artellar novas maneiras de exercer o maxisterio galeguista con propostas imaxinativas e integradoras.
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA