250 escritores de todo o mundo xuntaranse en Ourense

O evento está organizado pola Deputación de Ourense e o PEN Galicia e ten como lema "Erguendo pontes literarias".

Por Galicia Confidencial | Ourense | 23/01/2016 | Actualizada ás 10:35

Comparte esta noticia

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, asegurou o venres que a realización do 82º Congreso Internacional do PEN na cidade de Ourense lle reportará á cultura galega unha gran proxección internacional, "irmandando creadores de todo o mundo cos galegos e compartindo entre todos proxectos e plataformas de comunicación literaria".

Presentación da celebración do 82º Congreso do PEN Internacional
Presentación da celebración do 82º Congreso do PEN Internacional

Logo do seu paso en 2015 por Québec, a nova edición do congreso chega a Galicia este ano cun programa literario aberto ao público contará con encontros con escritores e escritoras de renome internacional, obradoiros, recitais e presentacións. Ademais da Asamblea Xeral de Delegados, á que está previsto que asistan sobre 250 congresistas procedentes de máis de 70 países, haberá xuntanzas dos Comités da Paz, Tradución e Dereitos Lingüísticos, de Mulleres escritoras e dos Escritores en prisión.

Durante a rolda de prensa de presentación, Lorenzo Suárez asegurou que a iniciativa, -que terá lugar este ano entre o 26 de setembro e o 2 de outubro-, supón unha honra para Ourense e para Galicia acoller o congreso anual dun organismo internacional de referencia no ámbito da literatura, dos dereitos humanos e da liberdade de expresión. Tamén felicitou o Centro PEN Galicia, que organiza, xunto coa Deputación Provincial de Ourense, o evento, no que se darán cita 250 escritores e escritoras de todo o mundo.

Presenza de Galicia no panorama cultural internacional

Na presentación do evento, que tivo lugar no Centro Cultural Marcos Valcárcel, coa participación do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; do presidente do PEN Galicia, Luís G. Tosar, e da concelleira de Cultura de Ourense, Belén Iglesias, Anxo Lorenzo recordou que Galicia estará moi presente no panorama cultural internacional con este congreso e tamén coa designación de Santiago de Compostela como cidade convidada na Feira Internacional do Libro de Buenos Aires 2016.

 A candidatura de Ourense competiu con outra en España como foi a presentada por Girona e con países como Ucraína, Filipinas, Bolivia e Alemaña. "Seremos o centro de debate mundial no ámbito literario e a Ourense virán destacados escritores e escritoras, grandes prescriptores de opinión, nun evento que conta co apoio decidido do goberno provincial", afirmou Manuel Baltar.

 

Pola súa banda Luis González Tosar dixo que esta é a segunda vez que Galicia acolle un congreso do PEN Internacional. "A anterior ocasión foi en 1993, en Santiago de Compostela", explicou e engadiu que a primeira vez que se tivo noticia en Galicia sobre o labor do PEN Internacional "foi da man de Eduardo Blanco Amor, en 1977, para anos máis tarde Javier Casares e quen lles fala botáramos a andar o PEN Galicia, hai concretamente 26 anos". Tosar dixo que o lema deste ano "é moi acaído nunha cidade e nunha provincia como Ourense caracterizada polas súas pontes, porque este ano preténdese unir concretamente dúas pontes no eido literario: a dos mundos hispanoamericano e lusófono".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta