Como se ve desde Galicia o futuro Goberno do Estado?

O PPdeG cre que hai "ambición" de Pedro Sánchez por ser o futuro presidente e apela aos baróns socialistas para impedilo. Besteiro e Martiño Noriega din que Rajoy “está só” pero difiren sobre a materialización dun pacto do PSOE con Podemos, En Marea, En Comú-Podem e Compromís-Podem.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 24/01/2016 | Actualizada ás 13:14

Comparte esta noticia

PPdeG, PSdeG e mareas ven de forma moi diferente a situación que se vive no Goberno de España ante as dificultades para acadar un pacto de gobernabilidade. Así, mentres que os populares critican a “ambición” de Pedro Sánchez por ser presidente, socialistas e dirixentes de En Marea critican os bandazos do PP e a “soidade” de Mariano Rajoy.

Xosé Manuel Beiras e José Ramón Besteiro durante a xuntanza que mantiveron en Santiago
Xosé Manuel Beiras e José Ramón Besteiro durante a xuntanza que mantiveron en Santiago | Fonte: PSdeG

Así, o secretario xeral do PPdeG, Alfonso Rueda,  contrapuxo a "ambición" de Pedro Sánchez á responsabilidade que exhiben outros socialistas, en alusión a baróns como os presidentes de Extremadura ou Andalucía. "Representantes socialistas demostraron responsabilidade e parecen ter outras formulacións que non son a pura ambición do señor Pedro Sánchez", dixo en alusión a un pacto PP-PSOE.

“A actual situación coloca ao señor Pedro Sánchez no momento de demostrar se é verdade que ten un proxecto, que ten claro quen teñen que ser os seus aliados e, realmente, que conta con eses apoios", dixo Rueda en alusión a oferta realizada por Podemos para chegar a un pacto co PSOE.

Sobre Mariano Rajoy, que a pesar de repetir varias veces que non ía renunciar a ser candidato, dixo que tomou finalmente esta decisión porque neste momento "non tiña os apoios suficientes" e a mensaxe que deu quedou "bastante claro".

Pola súa banda, o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, cre que o presidente do Partido Popular, Mariano Rajoy, "renunciou xa a ser candidato sine die". “A decisión de renunciar a manter a súa candidatura inhabilítao totalmente, ademais de retratar a enorme soidade na que vive o Partido Popular. Isto xa non vai de bandos, senón de tender pontes, de diálogo, e o PP non di nada do que ofrece", apunta nunha entrevista en La Voz de Galicia.

Da mesma opinión é Martiño Noriega, alcalde de Santiago, que considera que Rajoy deu un “paso atrás” que “evidencia unha incapacidade para articular unha maioría estable ou polo menos unha investidura e no fondo exhibe a soidade do propio PP". “Está moi claro que Mariano Rajoy non é capaz de atopar os mínimos consensos para poder aplicar as súas políticas", sinalou.

Sen embargo, no que non coinciden Besteiro e Noriega é como debe materializarse ese pacto entre PSOE e Podemos. Así, Besteiro criticou a Podemos por “no canto de falar do que hai que facer, fala de quen o ten que facer", dixo. Por iso, considera que a formación  de Palbo Iglesias tivo varios erros, como establecer como "prioritario" a "axenda territorial" e os "referendos de independencia" e "manter" o "engano" de constituír varios grupos parlamentarios.

Pola súa banda, Martiño Noriega apuntou que o ofrecemento "recolle o sentir dunha maioría social ampla" que entende que hai que tentar "tender pontes e articular unha alternativa ao PP para abrir unha nova etapa". "Toca dialogar e ser capaces de lograr tal feito en base a cuestións programáticas e concretas”.

Sobre o  Ministerio de Plurinacionalidad exposto polo líder de Podemos, Pablo Iglesias, considerou o rexedor compostelán que este asunto vai máis aló de "institucionalizar ese concepto", xa que é "unha realidade do Estado" e "o que hai é que recoñecela".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta