GC Aberto

Présas, mudanzas, tribulacións e resistencia ao medo. Por Xoán Bascuas

Vivimos tempos precipitados. Todo é veloz, para onte mesmo. Vese no mundo do deporte, onde tres resultados adversos fan que se destitúa a un adestrador; no mundo da empresa, onde o desastre xa está en non alcanzar as expectativas de crecemento; ou na tecnoloxía de obsolescencia programada, na que sempre temos que estar á última.

Por ENGALIZA | GC ABERTO | 27/01/2016

Comparte esta noticia

A política, como aquilo que todo o inunda, tampouco é quen de fuxir do apresuramento vital dos nosos días. E aínda por riba, anda adubada con incógnitas, incertezas e convulsións varias, nas que é moi difícil facer prognósticos. Nin sequera os principais protagonistas do teatro de Santo Xerome saben moi ben por onde transitar. É ben certo que as présas e as inquedanzas son moi mala combinación. Xa é coñecida a recomendación xesuítica de “en tempo de tribulacións, non facer mudanzas”. Non é que eu sexa moi amigo desta máxima. Pero si o son da cautela de todo o que pode semellar fugaz, lixeiro ou inmediato, sobre todo no mundo da política. Velaí que me resulte complicado discernir que é o que vai pasar no Reino de España e o que pode pasar na política galega.

Haberá acordo para un goberno en España? O goberno interino ten serios atrancos para buscar apoios (non hai con quen falar). E o principal partido da oposición vai agardar a que se visualice que o PP non é quen de acadalo para despois dar a ver que é Podemos quen non quere. E unha grande coalición? En Europa pode ser. Na cultura política hispánica sería o preludio da morte política de alguén.

Haberá, xa que logo, repetición das Eleccións? O PP está comezando a pensar seriamente a posibilidade de repetir eleccións ante a posibilidade de recuperar terreo fronte a Ciudadanos, pero é dubidoso que o IBEX35 estea polo labor de prorrogar isto até mediados de ano. Ao partido de Rivera non lle fai chiste, pero ao PSOE tampouco, ante o pánico de que Podemos lle adiante en número de escanos. De feito, serían estes últimos os principais beneficiados desta “segunda volta”.

Que papel van ter os nacionalismos nestas lexislatura? Sen as confluencias de Podemos co problema do grupo parlamentario resolto, sen presenza de forzas nacionalistas na Mesa do Congreso, e a maior parte do nacionalismo amoreado no grupo mixto, vai ser complicado que teñan a relevancia desexada. Se é o caso, a cuestión nacional aniñará as súas esperanzas no que poda acontecer en Cataluña e Euskadi.

E que vai pasar nas Eleccións galegas? Aínda que xa se dá por feito que non se van adiantar, non descartaría tan alegremente que non puideran coincidir cunha posible repetición das xerais. En calquera caso, as restantes forzas políticas debemos estar en perfecto estado operativo para entón. O cal implica que, se ten que haber conversas, debe habelas canto antes. É certo que as feridas abertas na anterior tentativa poden dificultar chegar a bo porto. Isto só se pode superar cunha franqueza absoluta e cunha fórmula de concorrencia cómoda para todos.

E que vai facer Compromiso? Faremos o que decida o conxunto da súa afiliación. A estas alturas, ninguén dúbida que somos a organización máis coherente coa práctica de horizontalidade democrática. Dicía Twain que “o valor é a resistencia ao medo, é o dominio do medo, non a ausencia de medo.” Esta frase, que pode asemellar a antagónica da de Ignacio de Loiola, estará presente no futuro inmediato de Compromiso. Sabendo, ademais que non pode haber présa para quen constrúe unha catedral, un país ou un partido como o que o noso aspira a ser.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta