Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/10/2024 | Actualizada ás 15:09
Os sindicatos CUT, CIG, UGT e CC.OO lamentan que Sánchez Izquierdo non sente a negociar para acabar coa folga en CRTVG e insisten en que a privatización da produción afecta negativamente o volume de emprego e que a externalización dos espazos informativos "afecta as funcións relacionadas cos dereitos fundamentais a comunicar e recibir libremente información veraz".
Segundo explican nun comunicado, as secretarías xerais dos sindicatos citados recibiron este mércores unha comunicación do director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, "rexeitando a solicitude de reunión que se lle remitiu o 22 de outubro para abordar a situación de conflitividade que atravesan os medios públicos de comunicación pola convocatoria de folga". Explican que Sánchez Izquierdo sostén que a decisión empresarial de emitir 'O Termómetro' (programa que o comité intercentros pon de exemplo da "externalización" e "dilapidación de recursos") "está motivada en razóns puramente organizativas, de produción e estratéxicas".
"Non incumbe a cuestións que afecten de forma directa ao persoal, pois esta decisión non implica ningún cambio nas condicións laborais do persoal da CRTVG, nin supón para este colectivo ningunha minoración de efectivos de cadro, de dereitos retributivos ou doutra índole", esgrime. Lamentan que Sánchez Izquierdo considere que a folga "non ten ningunha afectación ao emprego" e que só ten o obxectivo de "crear un impacto negativo na rendibilidade da empresa, sen traducirse nunha mellora concreta para o persoal".
Un argumento do que as forzas sindicais "disinten radicalmente". "A privatización da produción dos contidos audiovisuais dos medios públicos galegos afecta negativamente o volume do emprego público, que de facto sufriu unha redución moi significativa durante o mandato de Sánchez Izquierdo, á vez que precariza as condicións laborais dos traballadores encargados de producilos", argumentan. Insisten tamén en que a externalización dos espazos informativos "afecta as funcións relacionadas cos dereitos fundamentais a comunicar e recibir libremente información veraz".
"NULO TALANTE NEGOCIADOR" DE SÁNCHEZ IZQUIERDO
Respecto da reunión rexeitada, consideran que demostra o seu "nulo talante negociador" nun conflito xerado "por unha xestión empresarial que busca apontoar a manipulación informativa, a privatización da produción e o desmantelamento do servizo público de comunicación audiovisual". Por iso, as secretarías xerais fan un chamado á "responsabilidade" para chegar a unha solución negociada do conflito, que "impida a súa escalada e que garanta unha prestación do servizo público de radiotelevisión escrupulosamente respectuosa cos dereitos laborais dos traballadores e decididamente comprometida cos valores democráticos, sociais e culturais que deben inspirar a actuación da CRTVG".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.