Baltar e a muller que o acusou de acoso sexual serán investigados

Terán que declarar por un posible delito de "suborno", despois de que a xuíza descartase inicialmente a existencia de probas dun presunto delito de acoso sexual, tal e como denunciara a muller.

Por Galicia Confidencial | Ourense | 28/01/2016 | Actualizada ás 17:26

Comparte esta noticia

O presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar, e a muller que o acusa de terlle ofrecido traballo a cambio de sexo, terán que pasar por un tribunal. Os dous foron imputados pola titular do Xulgado de Instrución número tres de Ourense, que os cita en calidade de “investigados” para o próximo 10 de marzo.

José Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense
José Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense | Fonte: FB J.M. Baltar

Nun comunicado remitido polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), o Xulgado de Instrución nº3 de Ourense deu a coñecer un auto polo que a xuíza deixa sen efecto a citación como prexudicada da muller que denunciou a Baltar por un presunto delito de acoso sexual. Sen embargo, citounos aos dous en calidade de investigados --o que antes se coñecía como imputados--.

Así, a xuíz, unha vez analizado o estudo da denuncia e das gravacións achegadas á causa, argumenta que non quedou acreditada, "sen prexuízo dunha ulterior comprobación", a existencia dunha relación laboral, docente ou de prestación de servizos entre ambos no momento da relación sexual, o que en opinión da titular do xulgado excluiría "en principio o tipo do artigo 184 do Código Penal", é dicir, a existencia de acoso sexual.

Por iso, tanto José Manuel Baltar, como a muller que o denunciou, terán que declarar por un posible delito de "suborno", despois de que a xuíza descartase inicialmente a existencia de probas dun presunto delito de acoso sexual.  Iso, sen prexuízo "da cualificación como delito de tráfico de influencias dada a relación persoal" da investigada co presidente da Deputación no momento dos feitos, "que tamén se compromete a proporcionarlle un traballo".

A xuíza considera que "esixe atender á conduta punible do particular que entrega retribución a autoridade ou funcionario público para realizar un acto contrario aos deberes do cargo, que se concretaría nun nomeamento prescindindo das disposicións legais que o regulan; ou "en consideración á súa función ou do particular que inflúe en funcionario público ou autoridade prevalendose dunha situación derivada da súa relación persoal con este para conseguir unha resolución que lle poida xerar un beneficio económico".

A muller fora citada a declarar esta mesma semana, por un presunto delito de acoso sexual, pero a titular do Xulgado de Instrución 3 decidiu suspender a declaración e citalos a ambos os ao advertir indicios dun posible delito de suborno. O presidente provincial xa anunciou as accións legais oportunas en relación coa acusación realizada contra a súa persoa.

O caso arrincou cunha denuncia por acoso sexual da muller e que podería derivar cara a un suposto caso de suborno por parte de ambos.  A denunciante presentara unha segunda denuncia na vía xudicial despois de que o fiscal acordase o arquivo do caso contra o mandatario ourensán ao non apreciar a existencia de delito.

Tras coñecerse esta citación, Alternativa Galega de Esquerda (AGE) esixiu xa  a inmediata dimisión de José Manuel Baltar. O viceportavoz de AGE, Antón Sánchez, sinalou que “estamos ante o enésimo caso de corrupción do Partido Popular ante o que Núñez Feijóo non pode seguir a se esconder dicindo que son casos illados xa que a corrupción neste partido está demostrado que é problema estrutural”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 Rúa

Este individuo acaba como o presidente do PP de Valencia.

2 ourensan-a pesar da dinastía

Limpar a corrupción de todo tipo no PP parecía tan sinxelo como coller a lista de convidados da voda da filla de Aznar e metelos a todos ao caldeiro. Mais a cousa non parece asi de sinxela, pois nesa lista non estará nin o 1% d@s corrupt@s con dereito a pernada que coabitan nesta siglas.

1 rtg4

Di a Lei de Mahoma que tan maric_n é o que da como o que toma. Pois aquí o mesmo.