O novo plan eólico da Xunta tardará "máis de dous anos" en estar listo

O PSdeG acusa ao Goberno galego de "construír a casa polo tellado" polas medidas "transitorias" que afectan ao sector.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO | 06/11/2024 | Actualizada ás 12:41

Comparte esta noticia

O novo plan eólico anunciado pola Xunta de Galicia tardará máis de dous anos en estar listo, segundo indicou no pleno do Parlamento a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana. Lorenzana, que vén avanzando hai días que o Goberno galego traballará durante este mandato nunha nova planificación para o sector eólico, sinalou na súa intervención este mércores que é "evidente" que este labor levará "máis tempo que dous anos".

Renovables, parques eólicos
Renovables, parques eólicos | Fonte: EUROPA PRESS - Arquivo

Díxoo a preguntas da deputada do PSdeG Patricia Iglesias, quen, este martes durante a comparecencia da titular do departamento autonómico para dar conta das liñas estratéxicas para esta lexislatura, preguntoulle se prevé sacar do "caixón" a ampliación da Rede Natura "neste novo plan proxectado para dentro de tres, catro anos". "Hai que facelo con traquilidade e hai que facelo moi ben", advertiu a conselleira. Así, avogou por un plan "hiperrespetuoso con calquera afección" e por traballar "con todos os sectores que teñan algo que achegar".

En calquera caso, afirmou que "estaría tola se agora mesmo" adianta "o que vai saír dun primeiro borrador" que logo terá que poñerse a información pública, entre outras fases. "Temos un longo camiño nesta lexislatura", constatou. Por iso, segundo insistiu, "hai que traballar en medidas transitorias (...) que vaian reducindo o impacto ambiental" dos muíños.

"PARÁLISE SEN PRECEDENTES"

A paralización do sector debido á xudicialización de multitude de parques volveu a centrar o debate, no que Iglesias recriminou a Lorenzana falar "sen un chisco de autocrítica", fronte á "inseguridade xurídica" e "parálise sen precedentes". "As présas nunca son boas" e "hai que construír a casa polos cimentos e non polo tellado", espetoulle a socialista, despois de que a titular de Economía e Industria anunciase (este martes) unha nova medida "transitoria" para a promoción de enerxía eólica en Galicia (a relativa á obrigatoriedade de destinar un 50 % a acordos a prezo fixo ('PPA') con empresas galegas, que se suma, entre outras, á repotenciación de parques con aeroxeradores de máis de 25 anos).

Pola súa banda, a conselleira respondeulle que non cre que as medidas de zonificación apuntadas pola socialista "sexan as que liquiden a situación de suspensións eólicas". Asumindo que a paralización "por suposto é un problema" e "crea inseguridade xurídica" a "calquera investidor", considerou que isto "debe ser debatido en sede xudicial". "A estratexia do goberno está clara" e "a esencia da lei (de recursos naturais) é o que está a preguntar", concluíu María Jesús Lorenzana. Neste sentido, garantiu que "vai supoñer unha menor afección ambiental e maior potencia (dos aeroxeradores), porque o estado da técnica o permite". Por último, aproveitou para criticar ao Executivo central pola súa actuación no que ten que ver co impulso da eólica e en concreto coa mariña. "Non diga que a solución a imos a atopar no Goberno central, porque estamos absolutamente sós", finalizou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta