O Celta cae sobre a bucina

O equipo celeste perde 2-1 nas Palmas tras encaixar un gol no minuto 90 nun erro defensivo. Un penalti inexistente e a expulsión de Orellana condicionaron a derrota do equipo de Berizzo, de novo coa cabeza na Copa. O xoves, ida das semifinais en Sevilla.

Por gcdeportes | Vigo | 31/01/2016 | Actualizada ás 22:24

Comparte esta noticia

Ficha técnica:
As Palmas 2:
Javi Varas; David Simón, David García, Aythami (Bigas, 68'), Dani Castellano; Roque Mesa, Montoro (Momo, 42'), Tana, Wakaso (Nauzet Alemán, 81'), Jonathan Viera e Willian José.
RC Celta 1: Sergio Álvarez; Jonny, Hugo Mallo, Cabral, Planas; Radoja (Pape Cheikh, 84'), Tucu Hernández; Beauvue (Daniel Wass, 59'), Orellana, Bongonda e Iago Aspas (Guidetti, 66').
Goles: 0-1: Bongonda (minuto 5). 1-1: Jonathan Viera, de penalti (32'). 2-1: Willian José (90').
Árbitro: Sánchez Martínez (murciano). Expulsou a Orellana por dobre cartón no minuto 75. Amarelas a David Simón (15'), Aythami (41'), Willian José (45+), Wakaso (55'), Roque Mesa (65') e Momo (81') nos locais e a Hugo Mallo (28'), Beauvue (42') e Bongonda (92') nos celestes
Incidencias: partido da 22ª xornada da Liga BBVA no estadio de Gran Canaria ante 18.500 espectadores.

Entre Copa e Copa, non fixo un partido brillante do Celta, agás os primeiros minutos, que desapareceu tras marcar o 0-1 e deixou que o rival medrase no seu xogo ata verse superado con claridade. Aínda así, o árbitro condicionou a derrota celeste, ao sinalar un penalti inexistente nunha man involuntaria de Cabral e expulsar a Orellana por simular un penalti a vinte minutos do final. Con dez o Celta, Willian José marcou o 2-1 no minuto 90 tras un erro defensivo.

Reservou Toto Berizzo na defensa a Sergi Gómez (Hugo Mallo actuou de central) e entraron no once Bongonda e Beauvue, e os celestes comezaron mandando. Na primeira chegada clara de ataque, Carles Planas enviou un balón para Theo Bongonda, quen entrou na área canaria entre David Simón e Aythami e marcou cun disparo seco a media altura o 0-1.

O Celta non aproveitou os seus mellores minutos para facer o segundo, malia as ocasións de Orellana  e Aspas e por mor do xuíz de liña, que sinalou dous fóras de xogo a Aspas e Orellana que non eran. Os de Berizzo perderon o control da pelota, e os canarios comezaron a crear perigo con lanzamentos lonxanos, primeiro de Jonathan Viera preto do pau esquerdo, despois un de Tana que parou Sergio e o terceiro de Willian José ao traveseiro. Nun córner, no minuto 32, o árbitro, a instancias do asistente, sinalou penalti por unha man involuntaria de Cabral. Jonatahn Viera acadou o 1-1 co que se chegaría ao descanso.

Tralo paso por vestiarios, seguía o Celta sen controlar o partido, permitindo un choque aberto e cedendo a posesión do balón ao rival. Jonathan Viera tivo unha ocasión clara cun disparo dentro da área que parou en dous tempos Sergio Álvarez. Berizzo tentou correxir a situación coa entrada de Daniel Wass por un inoperante Beauvue, que nin axudaba en defensa para desesperación de Iago Aspas, tamén substituído polo sueco Guidetti. O Celta parecía mellorar un chisco cos trocos, pero a vinte minutos do final quedou con dez tras expulsar o árbitro a Orellana por tirarse na área (a primeira amarela fóra por protestar o penalti).   

Os célticos acusaron o cansazo da Copa e non souberon pechar o encontro. Nun erro defensivo, a piques de cumprirse o minuto 90, Willian José recibiu na área un pase de Roque Mesa, gañoulle a acción de Jonny e fixo o 2-1 ante a saída de Sergio Álvarez e a desesperación celeste. O Celta queda con 34 puntos e baixa á sétima praza, superado por Sevilla e Athletic.

Hugo Mallo, Sergio Álvarez e Pape Cheikh, pesarosos pola derrota.
Hugo Mallo, Sergio Álvarez e Pape Cheikh, pesarosos pola derrota. | Fonte: lfp.es

Jonny e Orellana protestan ao árbitro pola expulsión do chileno.
Jonny e Orellana protestan ao árbitro pola expulsión do chileno. | Fonte: lfp.es
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta