O Dépor adía a vitoria

O equipo deportivista suma un novo empate, 2-2 co Raio Vallecano, tras dous erros defensivos e desaproveitar varias ocasións de gol, e suma xa seis xornadas sen gañar. Víctor Sánchez del Amo arremeteu contra o árbitro.

Por gcdeportes | A Coruña | 01/02/2016 | Actualizada ás 23:44

Comparte esta noticia

Ficha técnica:
Deportivo 2:
Manu Fernández; Juanfran, Arribas, Sidnei, Navarro; Cani (Jona Rodríguez, 73'), Álex Bergantiños, Pedro Mosquera, Fayçal Fajr; Luis Alberto e Lucas Pérez.
Raio Vallecano 2: Juan Carlos; Quini, Zé Castro, Tito, Nacho (Raúl Baena, 54'); Llorente, Trashorras (Javi Guerra, 58'); Jozabed, Bebé, Pablo Hernández (Piti,70') e Miku.
Goles: 0-1: Miku (minuto 8). 1-1: Lucas Pérez (minuto 19). 1-2: Jozabed (minuto 23). 2-2: Fayçal Fajr (minuto 46)
Árbitro: Vicandi Garrido (vasco). Sen tarxetas.
Incidencias: partido da 22ª xornada de Primeira División no estadio de Riazor ante 19.000 espectadores.

Adiantouse por dúas veces o Raio en Riazor, pero o Dépor, con goles de Lucas Pérez e Fayçal Fajr, reaccionou e foi quen de igualar o choque. Tivo ocasións para máis, sobre todo nos brillantes primeiros vinte minutos do segundo tempo, pero non aproveitou as facilidades defensivas do rival. Nada máis saír de vestiarios, fixo Fayçal Fajr o 2-2 cun golazo, pero erraron Lucas Pérez e Luis Alberto os seus remates. Ao final, 2-2 e terceiro empate consecutivo dos de Víctor Fernández, que suman xa seis xornadas sen triunfos. O Dépor non gaña dende o 19 de decembro (2-0 ao Eibar).  

Repetiu Víctor o once do Valencia, agás o troco obrigado de Manu Fernández por Lux. Foi o partido agardado contra o Raio de Paco Jémez, aberto, de ida e volta, con intensidade, pero foron os madrileños quen golpearon primeiro. No minuto 8, Quini chegou ata a liña de fondo e o centro atrás rematouno Miku adiantándose á defensa deportivista. Reaccionou axiña o Dépor, coa conexión entre Luis Alberto e Lucas Pérez, e Juan Carlos evitou o empate cun paradón a remate do andaluz. Pero o gol chegou axiña, no minuto 19, cando Luis Alberto aistiu para Lucas Pérez, quen definiu con precisión para facer o seu 14º gol na Liga.      

Pero un novo erro penalizou o Dépor. Unha cesión a Manu Fernández, quen errou no pase e deulle o balón a Miku, e este a Jozabed, quen marcou o 1-2. De novo o Dépor a remolque. O árbitro non sinalou un penalti por agarrón de Zé Castro a Lucas Pérez, e Fayçal Fajr tivo o empate a pase de Lucas Pérez, pero rematou mal e foiselle preto do pau. Malia as ocasións, o Dépor non estivo cómodo no primeiro tempo coa presión dos madrileños, e o rival ofreceu mellores sensacións.

Pero os locais saíron enchufados de vestiarios, e Fayçal Fajr marcou un golazo antes do medio minuto da reanudación. O Dépor pasou por riba do Raio, pero non atinou coa portaría rival. Un disparo cruzado de Lucas Pérez saiu preto do pau de Juan Carlos e Luis Alberto, tras pase do dianteiro coruñés, rematou ao pau. Paco Jémez viu a inferioridade do seu equipo e reaccionou para parar o asedio deportivista cos trocos. Meteu a Raúl Baena por Trashorras e a Javi Guerra de segundo dianteiro. Cani case sorprendeu a Juan Carlos dende lonxe no minuto 64, pero os madrileños colleron aire cos reforzos, e o Dépor baixou un chisco a súa intensidade. Tras un receso de dez minutos, o partido volveu xogarse en campo madrileño. Luis Alberto tivo a vitoria cun remate dentro da área no minuto 85 que se lle foi desviado. O gol non chegou, e o Dépor sumou un novo empate, o 12º, o que máis en Primeira.

Víctor Sánchez del Amo afirmou tralo partido que o Deportivo seguirá “agardando por unha arbitraxe na que as decisións non lle prexudiquen”, e argumentou a súa queixa: “Nos últimos partidos, especialmente na casa, a balanza foi de mala sorte, as decisións desacertadas prexudicáronnos claramente. Hoxe houbo un penalti. Seguimos agardando que mude a sorte”.

Jozabed marca o 1-2 tralo erro de Manu Fernández.
Jozabed marca o 1-2 tralo erro de Manu Fernández. | Fonte: lfp.es

Fayçal Fajr celebra o golazo ao Raio Vallecano que supuxo o 2-2.
Fayçal Fajr celebra o golazo ao Raio Vallecano que supuxo o 2-2. | Fonte: lfp.es
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta