Os raposos vermellos proban que Galicia ten niveis baixos de contaminantes metálicos

Un equipo de científicos estuda por primeira vez exemplares galegos para coñecer a situación ambiental do noso territorio e comparar os resultados cos obtidos noutras zonas de Europa.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 02/02/2016 | Actualizada ás 12:14

Comparte esta noticia

Por primeira vez, un equipo de científicos españois examinou os datos dun grupo de 250 raposos vermellos (Vulpes vulpes) en Galicia, entre os anos 2003 e 2011, para coñecer a situación ambiental do noso territorio e comparar os resultados cos obtidos noutros exemplares europeos. Os resultados foron publicados en Toxicological & Environmental Chemistry, informa a axencia SINC.

Un exemplar de raposo vermello
Un exemplar de raposo vermello | Fonte: I, Malene.

Algúns metais, concentrados en altas cantidades, poden ser tóxicos para o medio ambiente e os seres vivos. O chumbo e o cadmio, por exemplo, ademais de non posuír ningunha función biolóxica, son mortalmente tóxicos a baixas concentracións. Para medir a súa presenza nun lugar concreto, os científicos analizan a súa acumulación nos órganos internos dos animais, que actúan como bioindicadores naturais. E isto foi o que fixeron os científicos cos raposos vermellos de Galicia.

A novidade deste traballo reside en que se tiveron en conta factores que poden influír nos niveis dos contaminantes, como o sexo ou a idade destes animais, algo que ata agora non fora moi estudado en ecotoxicología, explica a axencia SINC.

"O raposo é unha boa especie para estudos de biomonitorización, porque como se somete a actividades cinexéticas de control é posible obter unha gran cantidade de mostras sen desenvolver sacrificios específicos", explica a Sinc Marcos Pérez López, autor principal do estudo e investigador na Universidade de Estremadura (Cáceres).

"Ademais, neles é fácil avaliar o efecto das variables endóxenas, como sexo e idade, para establecer completos programas de biomonitorización ambiental que permitan facer un seguimento a longo prazo dos niveis de metais pesados circundantes", engade o científico.

Galicia, fóra de risco

Unha das explicacións á acumulación de todos estes metais nos órganos animais recae na acción humana. Un raposo pode alimentarse doutros animais que fosen feridos de bala debido á caza e absorber o chumbo que contén a munición. Estes e outros mamíferos sofren un risco elevado de acumulación de elementos tóxicos por ocupar unha posición superior na cadea trófica. Con todo, os raposos vermellos de Galicia non presentan un nivel preocupante destes metais nos seus órganos, indican os científicos a SINC.

"Os resultados demostran que a zona estudada posúe, en xeral, niveis baixos de contaminantes metálicos, o que indica que polo menos para estes axentes químicos non existe un risco toxicolóxico elevado, se se manteñen dentro destes parámetros", conclúe Pérez López nas declaracións recollidas pola axencia de novas científicas.

Diferenzas por idades e rexións

Os investigadores analizaron a concentración de cadmio, chumbo e cinc no fígado e o ril dos raposos, e descubriron que non había moitas diferenzas entre machos e femias. Con todo, si se observaron concentracións máis elevadas nos exemplares de maior idade.

Unha das conclusións dos expertos foi que os niveis destes elementos nos órganos dos raposos estaban dentro da media europea e mesmo chegaban a ser menores, no caso do chumbo, aos reflectidos nos rexistros doutros países como Suíza, Polonia ou Italia.

"É interesante ver como os niveis son máis baixos que os doutras zonas europeas, tradicionalmente sometidas a máis intensa actividade industrial, o que confirmaría que os ecosistemas reflectidos a través da biomonitorización con raposos no noroeste peninsular, polo menos para estes contaminantes analizados, mantéñense nun moi bo estado ambiental", comenta Pérez López no artigo de SINC.

Os resultados desvelaron tamén que dentro do territorio español hai diferenzas. Así, os datos dos raposos vermellos de Galicia comparáronse con algúns rexistros de Andalucía e descubriuse que os niveis de cadmio nos exemplares do noroeste duplican aos da zona sur. Tamén as cantidades de chumbo eran superiores.

"Isto reflicte en gran medida a composición do terreo, e neste sentido poida que sexan indicativos de que zonas naturais do sur peninsular posúen na súa composición menos contaminantes metálicos que outras no norte, sen entrar en ningún caso en niveis perigosos", explica Pérez López.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 anonimo

Até que Edgewater e Frijol decidan o contrario