Pau Gasol aposta pola USC e o seu campionato D3Mobile

O xogador catalán da NBA colabora co campionato mundial en liña de modelado 3D de precisión con móbil da Universidade de Santiago. Entregará unha zapatilla asinada ao equipo gañador.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 02/02/2016 | Actualizada ás 16:00

Comparte esta noticia

A Universidade de Santiago de Compostela (USc) continúa a traballar para achegar a tecnoloxía  as aulas de ensino medio e fomentar así novas vocacións científicas entre o estudantado preunivesitario a través do campionato mundial en liña de modelado 3D de precisión con móbil, o ‘D3Mobile Metrology World League 2016’ , un certame promovido polos investigadores do grupo USCAN3D da USC e dirixido a estudantes nados entre 1998 e 2000, que na súa cuarta edición conta co apoio do campión mundial de baloncesto e dúas veces gañador da NBA Pau Gasol, quen cedeu como agasallo emblemático para o gañador unha zapatilla asinada.

Zapatilla cedida polo xogador da NBA Pau Gasol para a d3mobile Metrology World League 2016 da USC
Zapatilla cedida polo xogador da NBA Pau Gasol para a d3mobile Metrology World League 2016 da USC | Fonte: d3mobile.es.

A D3Mobile constitúe unha modalidade singular e vangardista no panorama dos campionatos científicos educativos, unha opción innovadora e tecnolóxica coa que a USC busca estimular a vocación e capacidade científica de estudantes de todo o mundo a través dun elemento de uso cotiá como é o teléfono móbil, no marco dunha competición por equipos que inclúen docentes como titores.

A falta de seis semanas para rematar o prazo de inscrición xa formalizaron a súa participación neste torneo en liña equipos procedentes de 20 países de todo o mundo e entre os que xa hai novas incorporacións, tales como Australia ou Afganistán, informa a USC.

Os equipos de estudantes que tomen parte na aventura da D3Mobile Metrology World League 2016 aprenderán, con axuda do seu profesor e vía e-learning, unha metodoloxía que, con apenas dúas tardes de estudo, lles permite facer modelos 3D virtuais a escala de calquera obxecto a partir de fotografías tomadas co seu teléfono móbil, segundo indicou o director deste proxecto, o profesor da USC Juan Ortiz Sanz, na presentación da nova edición deste certame internacional no marco dun acto desenvolvido no Salón de Actos de Escola Politécnica Superior do campus de Lugo e retransmitido en directo a todo o mundo a través de Internet.

Juan Ortiz Sanz explicou este martes todas as particularidades desta competición, así como outros datos referidos ao desenvolvemento da mesma, no transcurso dun acto desenvolvido na Escola Politécnica Superior (EPS) de Lugo e no que tamén estiveron presentes o vicerreitor de Coordinación do campus lugués, Javier Bueno Lema; o director da EPS, Tomás Cuesta; a Xefa de Servizo de  Formación do Profesorado da Xunta de Galicia, Fátima García, e Antón Ledo, da área de Cultura, Patrimonio Histórico, Normalización Lingüística e Artesanía e Deseño da Deputación Provincial de Lugo.

A profesora e coordinadora do grupo de investigación da USC para a Documentación en 3D, Mariluz Gil Docampo, e José Suárez, responsable de AAPP de Vodafone en Galicia; Rodolfo Castro, Secretario Xeral de FSIE Galicia, e María Hervada, en representación da Fundación Mujeres de A Coruña, tamén participaron na sesión de presentación da ‘D3Mobile Metrology World League 2016’, unha iniciativa de fomento da cultura científica e da innovación promovida pola USC e avalada un ano máis pola Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (Fecyt).

Competición

Unha vez rematado o prazo de matrícula na D3Mobile2016, cada equipo deberá realizar pequenos experimentos nos que modelará en 3D un obxecto de dimensións coñecidas. Unha análise estatística básica dos erros nas medicións de sucesivos experimentos, permitirá determinar como conseguir mellores resultados (con que móbil, facendo cantas fotos...) e ser máis competitivos, explicou o director do proxecto, quen indicou que o equipo gañador será o que acade unha maior calidade métrica e visual nas distintas probas que deberán superar.

A propia estrutura da competición permite ás persoas inscritas practicar a investigación e aprender a súa utilidade de forma dinámica e atractiva, coa competición como estratexia docente e o premio por investigar ben e a fondo. A percepción da importancia do método científico e da toma de decisións baseadas nos resultados dun proceso experimental son outros dos beneficios educativos que reporta este certame a partir do emprego dun dispositivo tecnolóxico de uso cotiá e apreciado pola mocidade como é o teléfono móbil, relatou Ortiz.

O profesor e investigador do grupo Uscan3d da USC, coordinado pola profesora Mª Luz Gil Docampo, e do que tamén forman parte os investigadores Santiago Martínez e Teresa Rego, explicou que a D3Mobile é un proxecto que xurde tras asistir ao uso cotiá e xeneralizado de modelos 3D virtuais en multitude de campos (medicina, veterinaria, urbanismo, arquitectura, industrias -moda, automoción, lecer, videoxogos, aeroespacial, agroalimentaria...-, enxeñaría, construción, deporte, patrimonio ou, entre outros, accesibilidade), e logo de comprobar como os citados modelos virtuais mediante fotografía se están a converter nunha potente ferramenta de rexistro de información.

Esta técnica espallarase nos próximos anos como o fixo antes a fotografía e o vídeo, aventurou Ortiz, quen ve reforzada a súa opinión co rápido desenvolvemento que está a experimentar a impresión en 3D, coa que se pode materializar practicamente calquera modelo tridimensional virtual.

Premios 

A cuarta edición da D3Mobile Metrology World League 2016 conta con máis orzamento en premios que en anteriores anos, xa que o valor dos agasallos establecidos para os equipos gañadores nas distintas seccións ou categorías do campionato supera os 13.500 euros.

A práctica totalidade dos galardóns consiste en produtos e artigos tecnolóxicos, entre os que cómpre salientar a Fundación COMFORP, que aporta un premio para os centros nos que se imparte a especialidade de automoción, a revista EDUCACIÓN 3.0, que aporta un regalo para o primeiro clasificado español, o Concello de A Coruña, que premiará cunha impresora 3D ao centro mellor clasificado entre os participantes da cidade herculina, e a Fundación Mujeres, que da nome a un premio co que a D3MOBILE pretende fomentar este ano entre as adolescentes as vocacións STEM (tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas) mediante a visibilidade do papel da muller na enxeñería/arquitectura, dous campos nos que a contribución feminina ten estado historicamente pouco representada. Haberá tamén premios para os equipos mellor clasificados de Lugo, de Galicia, de Latinoamérica e do mundo.

Do mesmo xeito que en edicións anteriores da D3Mobile Metrology World League, nas que o equipo gañador recibiu agasallos asinados de Rafa Nadal e de Iker Casillas, na presente edición, o equipo gañador recibirá tamén como premio unha zapatilla asinada por Pau Gasol. Este é o modelo 3D virtual da zapatilla do xogador da NBA e da Selección Española.

Amplo apoio institucional

O proxecto D3Mobile, promovido polo grupo Usan3D da USC, naceu cun amplo apoio institucional, tanto público como privado, nacional e internacional, que segue a aumentar ano tras ano. Na presente edición, cómpre destacar o respaldo recibido pola Fundación Española para a Ciencia e Tecnoloxía (Fecyt), a entidade máxima responsable da difusión científica en España, que por cuarto ano consecutivo volveu incluír en 2016 a D3Mobile entre os preto de 200 proxectos seleccionados para o seu financiamento.

O Centro Español de Metroloxía (CEM) do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo; o Instituto Xeográfico Nacional (IGN); Fundación Vodafone España; UNIVERSIA, a Red de Universidades máis importante de Iberoamérica, que conta co mecenado do Banco de Santander; Programa A Ponte entre o Ensino medio e a USC, Fundación Barrié, Xunta de Galicia, Goberno de Navarra, Junta de Castilla y León, Deputación Provincial de Lugo, Sociedade Latinoamericana de Ciencia e Tecnoloxía, e diversas federacións e sociedades españolas, así como empresas, asociacións de pais de alumnos, sindicatos e centros educativos colaboran con este proxecto educativo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta