O día agardado por Angeliño

O futbolista galego de 19 anos, que fichou polo Manchester City con só 15, debutou co primeiro equipo de Pellegrini na FA Cup. “Agardei moito tempo por este momento”, recoñece o lateral zurdo de Coristanco.

Por gcdeportes | A Coruña | 03/02/2016 | Actualizada ás 11:58

Comparte esta noticia

Contan quen o viron xogar que xa de infantil apuntaba maneiras. Das escolas Luis Calvo de Carballo ao Dépor, e da canteira do equipo coruñés, con tan só 15 anos, ao Manchester City. Agora, tres anos e medio despois de emigrar ao fútbol inglés, aínda con 19, Angeliño (Ángel Esmorís Tasende, 4 de xaneiro de 1997) subiu un penúltimo chanzo na súa carreira: debutou co primeiro equipo na FA Cup, o torneo máis antigo do mundo, da man de Manuel Pellegrini. E o vindeiro ano, o lateral esquerdo galego atoparase con Pep Guardiola no ManCity.

Angeliño, tralo seu debut co Manchester City na FA Cup.
Angeliño, tralo seu debut co Manchester City na FA Cup. | Fonte: @MCFC

“Estiven moito tempo agardando por este intre. Estou moi feliz de debutar no primeiro equipo, un obxectivo que tiven sempre”, dixo a CityTV o galego. Angeliño debutou o sábado no mítico Villa Park de Birminghan fronte ao Aston Villa. O de Coristanco saltou ao campo no minuto 79, cando os citizens xa gañaban 0-4, resultado final, cun hat-trick do nixeriano Kelechi e no campo coincidiu co español Jesús Navas.

Para a súa estrea na Premier, Angeliño deberá agardar: o City gañou este martes 0-1 ao Sunderland, pero o galego non foi convocado. Os de Pellegrini loitan por ser campións, e son segundos con 47 puntos, a tres do sorpredente líder, o Leicester.

Angeliño voltou en decembro a Manchester despois de estar cedido seis meses no New York City, equipo vinculado ao ManCity, da Major League Soccer (MLS). Alí medrou como xogador e compartiu vestiario con veteranos como David Villa, Pirlo ou Lampard. Sobre a súa experiencia en Nova York, Angeliño apuntou a City TV: “Moi boa, gozei moito xogando alí, pero na miña mente sempre estivo voltar ao Manchester City”.

Angeliño, tralo seu debut co Manchester City na FA Cup.
Angeliño, tralo seu debut co Manchester City na FA Cup. | Fonte: @MCFC
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta