As carencias de Galicia na aprendizaxe do inglés

Unha tese da USC constata as carencias de docentes e alumnos no ensino da pronunciación do inglés e propón guías pedagóxicas que poñan a énfase tanto na percepción como na produción da lingua oral inglesa.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 04/02/2016 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

A expresión oral do inglés, e máis particularmente a pronunciación, é o talón de Aquiles para o alumnado galego e para os seus profesores. Un talón de Aquiles que, con todo, non son capaces de solventar as medidas postas en marcha pola Xunta de Galicia para poñer este idioma ao mesmo nivel que o galego no ensino a través do chamada lei do plurlingüismo. 

Clase de inglés para nenos
Clase de inglés para nenos | Fonte: ciudadpeques.com

Esta dificultade estriba, sobre todo,  nas grandes diferenzas que hai entre os sistemas fonolóxicos entre o inglés, o galego e o castelán. Pero lonxe de se pór a atención neste aspecto á hora de ensinar este idioma, semella que continúa a ser infravalorado non só nas clases senón tamén nos libros de texto. Así o constata a filóloga Yolanda Joy Calvo Benzies na súa tese doutoral merecedora de sobresaliente cum laude con mención internacional.

Yolanda Joy enquisou para o seu traballo un total de 1.170 estudantes de inglés en Galicia e 254 docentes galegos e doutras comunidades autónomas. “Tanto uns coma outros coinciden en que o tempo dedicado ao ensino da pronunciación nas súas clases é claramente insuficiente; as actividades propostas non sempre lles axudan a mellorar e os seus libros de texto inclúen moi poucos exercicios de pronuncia, que xeralmente seguen un formato repetitivo e aburrido”, explica.

E é que tampouco os materiais educativos axudan a subsanar estas carencias lingüísticas. Na maior parte dos 30 libros de texto analizados na tese atopáronse exemplos de actividades co formato de escoita e repetición ou de discriminación entre sons ou oracións. “Noutras palabras –­afirma con rotundidade a filóloga–,­ os libros de texto de inglés utilizados en España continúan ensinando a pronunciación dunha forma tradicional e pouco comunicativa”, sinala.

Neste senso, a investigación doutoral propón unhas guías pedagóxicas que recollen actividades onde a énfase está tanto na percepción como na produción da lingua oral e nas que o formato é máis atractivo e motivador que os actuais. Entre elas, adaptar as rúas de Monopoly con certos sons do inglés; crear preguntas sobre vogais, consoantes, variedades do inglés ou acentuación no Trivial; cambiar o nome das posibles armas utilizadas en Cluedo; ou crear pequenos canles de televisión ou radio exclusivamente nese idioma, por exemplo.

Para a doutora en Filoloxía Inglesa, é preciso que se comece a traballar nestes cambios canto antes. “Sabemos que a mellor idade para aprender un idioma é desde os 0 ata os 9 anos. Por iso é fundamental que os profesores de Educación Infantil e Primaria sexan os primeiros en poñer unha énfase especial no ensino da destreza oral e facer que os nenos e nenas se afagan a falar na lingua estranxeira, deixando de lado todo tipo de vergoña e medo”, conclúe.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta