A Xunta destinou 6,4 millóns da UE a equipamentos do Hospital de Vigo

Estes fondos pertencen ao Programa Operativo Feder 2014-2012 da UE para “investimentos en infraestrutura social e sanitaria que contribúa ao desenvolvemento nacional, rexional e local, e reduza as desigualdades sanitarias”. A UE admitiu xa a trámite unha denuncia da Asociaicón pola Defensa da Sanidade Pública ao entender que se están vulnerando os pregos de varias axudas europeas.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 05/02/2016 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

A Xunta destinou en concursos que se convocaron o pasado ano ata 6,4 millóns de euros en equipamentos para o Hospital de Vigo con fondos do Programa Operativo Feder 2014-20120 da Unión Europea. Uns fondos que son susceptibles de investigación por parte das autoridades comunitarias se non se cumpren os obxectivos fixados ns mesmos.

Mobilización no recibidor do hospital do SERGAS Álvaro Cunqueiro
Mobilización no recibidor do hospital do SERGAS Álvaro Cunqueiro | Fonte: CIG Facebook

De feito, a Comisión Europea admitiu a finais do pasado ano a trámite a denuncia presentada pola Asociación pola Defensa da Sanidade Pública, que advertía de irregularidades na adxudicación ao grupo de construtoras que, na actualidade, son tamén concesionarias dos servizos non clínicos do Álvaro Cunqueiro.

Os concursos convocados polo Sergas o pasado ano –algúns deles acabaron de tramitarse este mesmo año-- teñen que ver con diversos equipamentos para o Álvaro Cunqueiro. Así, o primeiro deles tivo que ver coa adquisición e Instalación de carros e padiolas por un valor total de 1.541.420,00 €, sen IVE .

Posteriormente, a Xunta sacou a concurso a adquisición e Instalación de equipos de sinais biomédicas por un montante total de 1.845.652,73 €,   sen IVE e a adquisición de equipamento integral de esterilización por  1.881.000,00 €, sen IVE. En total, preto de 6,4 millóns con IVE.

Segundo recollen as bases dos tres concursos, e doutros que xa ten sacado a Administración galega para o novo hospital de Vigo, este é susceptible de financiamento no marco do Programa Operativo de Galicia 2014-2020 (cunha taxa de cofinanciación FEDER do 80%), no Obxectivo Temático 9, Prioridade de Investimento 9.7 e Obxectivo Específico 9.7.2. É dicir,  “investimento en infraestrutura social e sanitaria que contribúa ao desenvolvemento nacional, rexional e local, e reduza as desigualdades sanitarias e transición dos servizos institucionais aos servizos locais”.

O novo hospital de Vigo
O novo hospital de Vigo | Fonte: construcion21.org

De acordo con isto, a contratación deberá someterse ás disposicións do Tratado da Unión Europea e aos actos fixados en virtude do mesmo, de conformidade co disposto no Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento e do Consello de 17 de decembro de 2013 polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión ou ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento rural ou ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, entre outras normativas.

Estas normativas son moi estritas en canto ao uso dos seus fondos, sobre todo, no que ten a ver cunha finalidade privada dos mesmos. Hai dous meses, a Comisión Europea admitía a trámite a denuncia presentada pola Asociación pola Defensa da Sanidade Pública, que advertía de irregularidades na súa adxudicación a empresas privadas.

Denuncia na UE

Este colectivo denunciou ante a UE que a fórmula administrativa elixida, unha concesión pública, era inadecuada, pois se trata dunha colaboración público-privada. Tamén denunciaba incumprimentos no contrato de financiamento, pois se recorreu a un préstamo do Banco Europeo de Investimentos por un importe máximo de 110 millóns.

Segundo explicaba entón a plataforma, o organismo comunitario adminitiu a trámite a denuncia ao observar "indicios razoables" de que se puido vulnerar a normativa europea. Ten un ano para realizar a correspondente investigación. A Xunta, que estará obrigada a remitir información á Comisión, pode presentar alegacións.

As empresas afectadas, que conforman a concesionaria do novo hospital, son Acciona, Puentes e Calzadas, Veolia e Concessia. A metade do financiamento para as obras veu do sector público, pois ao crédito do BEI hai que sumar o préstamo participativo de 30 millóns outorgado por Axis, xestora de capital risco participada integramente polo Instituto de Crédito Oficial (ICO).

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, respondía en decembro pasado na Cámara galega  que quedará demostrado na Comisión Europea que o hospital de Vigo é público tras unha pregunta  de AGE, que denunciaba o uso de fondos públicos para “privatizar” este hospital.

Quirófano do Álvaro Cunqueiro, o novo hospital de Vigo
Quirófano do Álvaro Cunqueiro, o novo hospital de Vigo | Fonte: Xunta
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta