Por Galicia Confidencial | Santiago | 04/02/2016 | Actualizada ás 23:35
Deixar o consumo de tabaco fai aos fumadores máis felices. Isto é o que se pode deducir das conclusións dun estudo realizado polo equipo da Unidade de Tabaquismo e Trastornos Aditivos da Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC), que dirixe o profesor Elisardo Becoña, e que foi publicado este mes na prestixiosa revista Journal of Affective Disorders.
As persoas que deixan de fumar por medio dun tratamento psicolóxico cognitivo condutual presentan unha diminución da sintomatoloxía depresiva, que se mantén conforme pasa o tempo de abstinencia. Así o constata este estudo que vén de facer público a USC.
O equipo da universidade compostelá comprobou nunha mostra de 242 fumadores –cunha media de idade de 41,71 anos e de 20.57 cigarrillos por día– que os que deixan o tabaco conseguen, co tratamento psicolóxico que lles aplican, un descenso da súa sintomatoloxía depresiva, “o que demostra a eficacia do tratamento tanto para deixar de fumar como para mellorar o seu estado de ánimo”.
Becoña sinala como o resultado máis importante e novidoso do estudo que aquelas persoas que seguen abstinentes co paso do tempo, ata un ano despois, logran que dita sintomatoloxía depresiva siga descendendo, informa a USC. “Á metade desde antes do tratamento a un ano despois”, matiza o profesor.
As estratexias de xestión de estado de ánimo que se utilizan poden, xa que logo, ser decisivas non só para aumentar a probabilidade de deixar de fumar, senón tamén para mellorar o estado de ánimo. "De aí a importancia de incluílas nos tratamentos independentemente de se a depresión está ou non presente”, advirte o catedrático da USC. “Podemos concluír que deixar de fumar é recomendable mesmo naquelas persoas que se pensaba que terían dificultades debido a que presentan problemas depresivos”, di.
Cinco programas para deixar de fumar
A Unidade de Tabaquismo e Trastornos Aditivos da USCofrece varios tipos de tratamento para persoas que demandan axuda deste servizo da Facultade de Psicoloxía, realizados individualmente e en grupo.
Na actualidade, existe a posibilidade de participar nun programa xenérico aberto a calquera persoa; e outros tres específicos, para mulleres ás que lles preocupa aumentar peso ou experimentar problemas co estado de ánimo, para persoas con graves problemas de saúde causados polo consumo de tabaco e que precisan unha intervención intensiva e para quen decida seguir este programa dende a súa casa, por correo.
As persoas interesadas nestes tratamentos da Unidade de Tabaquismo da USC poden contactar nos teléfonos 881 813939 ou 881 813861, así como por correo electrónico (elisardo.becona@usc.es; ana.lopez@usc.es).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.