Temporal de nivel laranxa dende o sábado na Coruña, Lugo e Pontevedra

En terra, alértase dun fenómeno meteorolóxico adverso por ventos de nivel laranxa, que pode acadar refachos de 100 km por hora.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 05/02/2016 | Actualizada ás 18:47

Comparte esta noticia

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia da Xunta alerta dun temporal costeiro de nivel laranxa que afectará ao litoral das provincias da Coruña e Pontevedra a partir de mañá, sábado.

Efectos dun pasado temporal por vento
Efectos dun pasado temporal por vento | Fonte: Xunta CRA María Zambrano

Segundo informa a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), desde primeiras horas mañá espéranse ventos do suroeste, de forza 8, e mar combinada do noroeste. As ondas oscilarán entre os 5 e 6 metros de altura.

Ademais, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior alerta dun fenómeno meteorolóxico adverso de nivel laranxa por ventos, que pode acadar refachos de ata os 100 km por hora e que afectará desde primeiras horas da mañá ás provincias da Coruña (noroeste, oeste, suroeste), Lugo (A Mariña, montaña) e Pontevedra (Rías Baixas). Os ventos serán máis intensos ás primeiras horas da tarde.

Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos das provincias afectadas; ás Deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros. Deste xeito, agárdase que se adopten as medidas oportunas para garantir a seguridade dos bens e das persoas.

Tamén se lle recorda á poboación a importancia de seguir as medidas de protección como evitar aproximarse a diques ou rompentes co fin de previr un eventual golpe de mar que poida arrastrar persoas ou obxectos ou vixiar posibles caídas de obxectos desde balcóns e fiestras. Ademais, aconséllase consultar a páxina web do CAE 112, que conta con información meteorolóxica e con enlaces de interese.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta