As Cíes mostran por primeira vez á ciencia un cabaliño de mar

Científicos do Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC en Vigo documentan por primeira vez a presenza do Hippocampus hippocampus en augas de Cíes, no marco do proxecto Hippoparques.

Por Alberto Quian | Vigo | 09/02/2016 | Actualizada ás 13:40

Comparte esta noticia

"Todo un exito". Así definen os investigadores do Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC en Vigo (IIM) o achádego científico da primeira especie de cabaliño de mar común (Hippocampus hippocampus) nas illas Cíes. Todo un fito, xa que é a primeira referencia documentada de cabaliños de mar nas Cíes e a terceira cita científica para Galicia desta especie.

Esta é a primeira referencia documentada de cabaliños de mar nas illas Cíes
Esta é a primeira referencia documentada de cabaliños de mar nas illas Cíes | Fonte: Manuel E. García Blanco.

O descubrimento fíxose o pasado 4 de febreiro, na primeira inmersión do equipo do IIM en Cíes para tentar localizar cabaliños de mar e peixes pipa, no marco do Proxecto Hippoparques, que se desenvolve no Parque Nacional das Illas Atlánticas, en Galicia, e no Parque Nacional do Arquipélago de Cabrera, nas Illas Baleares.

Os investigadores guiáronse polas indicacións do armador do barco 'Sempre Concha', de Cangas, que lles deu unha pista sobre a presenza de cabaliños de mar na contorna de Cíes. Os científicos do CSIC realizaron unha inspección ao sur da praia de Rodas, dando como resultado a primeira localización dun exemplar

"A inmersión limitouse a un único submarinista do CSIC que acompañou a un grupo de navalleiros de Cangas, quen nos dixeran uns dias antes que viran unha parella e un macho de cabaliño na zona. Tratouse dunha inmersión prospectiva, independente das que tenemos programadas no proxecto, que esperamos que comecen en abril-maio", explica para GC Miquel Planas, científico do IIM e coordinador principal desta investigación.

Primeira citada documentada nas Cíes

Os propios investigadores cualificaron esta inmersión como "todo un exito, se pensamos que é a primeira vez que vemos algunha especie de cabaliño en Cíes e que é a terceira cita para Galicia desta especie".

Cabaliño de mar común en augas das illas Cíes
Cabaliño de mar común en augas das illas Cíes | Fonte: Manuel E. García Blanco

"Efectivamente, trátase da primeira cita documentada dun cabaliño de mar en Cíes, neste caso da especie Hippocampus hippocampus (a menos abundante en Galicia). Había indicios de que algún fora visto, pero non se sabía a especie nin a súa localización exacta, e tampouco había documentación fotográfica. Trátase da terceira zona de Galicia (as outras dúas son Bueu e Illa de Toralla) onde temos descrita a presenza de cabaliños", detalla Planas en declaracións a GC.

O coordinador do proxecto amósase especialmente contento, xa que "esta cita supón moito para nós, xa que nos indica que será posible estudar cabaliños nunha zona onde non se tiña certeza total da súa presenza", comenta Planas, quen prosegue: "Iso era precisamente o que nos tiña expectantes, xa que unha evolución axeitada do proxecto radica precisamente nos seus «protagonistas», como son os cabaliños de mar e os peixes pipa", neste caso.

Destes últimos, os científicos xa tiñan información directa da súa presenza, pero "cantos máis exemplares podamos avistar e estudar, máis completa será a información dispoñible para caracterizar e evaluar as poboacins destes peixes", subliña o coordinador do proxecto Hippoparques.

A colaboración da xente do mar

No traballo dos investigadores está tendo un papel moi importante a xente do mar, os mariñeiros, os pescadores... "A súa axuda será moi importante, fundamentalmente para saber zonas máis precisas de avistamentos potenciais", recoñece Planas, quen engade: "Dos navalleiros, que coñecen o fondo mellor que a súa propia casa, esperamos obter información moi valiosa".

"A nosa idea", di, "é facer algún acto en confrarías e algún club de submarinismo para presentarlles o proxecto e mostrarlles o noso interese na súa colaboración. Para isto estamos elaborando un folleto descriptivo e tamén unha guía de identificación visual das especies". 

O proxecto

Hippoparques é un proxecto para identificar e caracterizar hábitats de preferencia e fontes de alimentación de singnátidos nos parques nacionais das Illas Atlánticas e do Arquipélago de Cabrera, "onde a información biolóxica e de distribución para estes peixes é particularmente deficiente", xustifican os científicos. 

As distintas poboacións de peixes da Familia Syngnathidae están estreitamente asociadas á saúde e distribución de comunidades vexetais. Deste xeito, os investigadores poderán coñecer mellor os hábitats que ocupan, as relacións coas especies vexetais que os estruturan, a súa epifauna acompañante e as relacións tróficas implicadas.

Censo

O estudo estase a facer mediante censos visuais e estudo de biotopos en transectos delimitados previamente pola potencial presenza de singnátidos. Inicialmente faise un barrido das zonas susceptibles de acoller poboacións de signátidos, baseándonse no tipo de fondo e cobertura vexetal). A partir de aí, realízase unha selección de poboacións e hábitats que serán mostreados durante dous anos consecutivos (primavera-verán).

Os científicos están a fotografar o tipo de fondo en cada transecto e os Singnátidos avistados, dos que se toman mostras non invasivas de aleta dorsal para a caracterización xenética e análises de isótopos estables, e determinar as súas características biolóxcas e ecolóxicas.

O equipo de investigación tamén vai tomar mostras do zooplancton e da epifauna asociada á cobertura vexetal, nas que tamén se determinarán os perfiles isotópicos, para establecer as relacións pertinentes entre alimento dispoñible e alimento efectivo en Singnátidos.

Os recursos xenéticos caracterizaranse mediante un conxunto de marcadores moleculares específicos (mitocondriais e microsatélites) que permitan realizar a trazabilidade xenética a nivel taxonómico, individual e poboacional. Para cada especie realizarase unha análise de diversidade e estruturación xenética, que permita detectar posibles inferencias demográficas e eventos de hibridación interespecífica asociada aos diferentes tipos de hábitas identificados.

A evaluación de diversidade xenética e estrutura poboacional permitirá definir unidades de xestión e evaluar o seu estado de conservación, de forma interrelacionada cos datos ecolóxicos e biolóxicos obtidos dos hábitats asociados, explican na memoria do proxecto.

Plan de protección

En función dos resultados acadados polos científicos, elaborarase un plan de protección e conservación de especies de Singnathidae e de hábitats asociados nos parques nacionais das Illas Atlánticas e do Arquipélago de Cabrera.

As actividades realizadas difundiranse a través de Internet e organizaranse actividades de divulgación e de educación eun documental  tomando os Singnátidos como especies bandeira.

Zostera
Zostera | Fonte: Alexandro Chamorro
Exemplar de Syngnathus acus
Exemplar de Syngnathus acus | Fonte: Ignacio Bárbara
Primeira inmersión en Cíes dos científicos do IIM no marco do proxecto Hippoparques
Primeira inmersión en Cíes dos científicos do IIM no marco do proxecto Hippoparques | Fonte: Alexandro Chamorro.
Submarinistas do proxecto Hippoparques, nos fondos das illas Cíes
Submarinistas do proxecto Hippoparques, nos fondos das illas Cíes | Fonte: Alexandro Chamorro.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 10 comentarios

1 rik

pra ke o meten nunha bolsa? non fodas ke o levaron¡¡¡ pra un ke hai...

1 Micalitus

Rik, no se llevan a ningún sitio. El de la bolsa es de otra zona, que se fotografió y pesó y luego se devolvió a su lugar de origen. Antes de hablar sin sentido es mejor enterarse.