Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 06/02/2016 | Actualizada ás 23:19
Esquerda Unida en Galicia non se aparta de En Marea e dunha posíbel confluencia para as galegas. A executiva de EU destaca o éxito electoral de AGE primeiro e despois , de En Marea para posicionarse en contra da postura defendida este sábado inicialmente polo coordinador xeral.
Cayo Lara pediu aos deputados de Galicia e Cataluña que deixaran o grupo que comparen con Podemos e outros candidatos das confluencias. Na reunión estatal en Madrid incluso marcou un prazo, que finalmente non cumpriu, para que tomaran a decisión de marcharse a un novo grupo, a crear canda os dous deputados de EU. Do contrario, advertiu que a viabilidade económica da coalición está en xogo, incluso cun ERE que polo de agora afectaría ao 60% dos traballadores.
Este serán a Executiva galega emitiu un comunicado respondendo no que promete que nunca deixará unha proposta que desfaga os lazos da confluencia no país. EU Galicia cre ademais que a oferta de poder configurar agora un grupo propio provén do PSOE e forma parte da estratexia dos socialistas para atraer a IU a unha coalición de goberno.
A dirección galega toma partido así pola posición do líder no Congreso. Alberto Garzón advertiulle a Lara que o seu ultimato podía impedir unha coalición no caso de repetirse as eleccións e mesmo a posibilidade de que IU rachara. Lara retirou a esixencia e a resolución adoptada ao fin só fai un chamamento xenérico a seguir traballando por ter grupo de seu.
Ante esta situción, Executiva Nacional de EU promete que traballará “na mesma liña” que até agora para as galegas. Engade que calquera outro camiño, como o proposto polo coordinador, significaría “situar intereses partidistas por riba da xente e, neste caso, o pobo galego”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.