A guerra encuberta dos "poderes ocultos" da Garda Civil

A Asociación Unión de Guardias Civiles denuncia "malas prácticas" dos mandos da Benemérita coa axente que se disparou en Fene e denuncia presións para que non reciba recoñecementos públicos.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 07/02/2016 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

O intento de sucidio dunha axente en Fene está revolucionando á Garda Civil. A asociación profesional Unión de Guardias Civiles denunciou este sábado as "malas prácticas" empregadas por altos mandos do instituto armado na Coruña con respecto á axente que se disparou no estómago, Vanesa F.F.

Muller garda civil
Muller garda civil | Fonte: guardiacivil.es

"Os poderes ocultos da Garda Civil están a realizar unha campaña preocupante de desprestixio a esta axente, ademais de pór evidentes freos na consecución de recoñecementos públicos", destaca esta entidade nun comunicado.

E é que o próximo 13 de febreiro en Santa Comba a axente, que se está recuperando da ferida de bala, ía ser recoñecida publicamente coa Mención Presidente 2015 outorgada pola Federación Galega de Automobilismo pola súa "destacada actuación auxiliando aos feridos e axudando aos equipos médicos" tras o accidente do Rally da Coruña que causou a morte de sete persoas.

A parella da garda civil, Mónica, denunciou tamén que a Federación Galega de Automobilismo, tras recibir presións, deixouna sen a distinción que lle outorgou pola súa actuación na traxedia do Rally da Coruña.

Segundo esta asociación, "as presións continúan" desde que a axente da Garda Civil en Fene "saíu do hospital" tras dispararse co obxectivo de quitarse a vida, supostamente, pola conduta homófoba dun superior.

Desde a Secretaria Provincial de Unión de Gardas Civís en Coruña mantivéronse varias conversacións coa esposa de Vanesa por se este caso puidese obedecer a un "acoso" á axente que, "aínda sen estar recuperada, observa e padece as iras e vinganzas dos que desde a sombra insisten no seu desgaste final".

A asociación critica estes supostos feitos pola súa "pouca ou nula altura ética e moral" e anuncia que os seus servizos xurídicos "resérvanse as accións legais que en xustiza houbese que emprender para protexer a honra da compañeira Vanesa".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta