O Breo asoma tralo derbi

O equipo lucense gaña 90-68 ao COB e suma tras tres derrotas consecutivas a novena vitoria, a tan só unha dos play-off de ascenso. Os de Lisardo Gómez remontaron tralo descanso cun parcial de 47-21.

Por gcdeportes | Lugo | 07/02/2016 | Actualizada ás 00:48

Comparte esta noticia

Ficha técnica:
CB Breogán 90:
Dani López (8), Jeff Xavier (5), Matulionis (18), Pep Ortega (17) e Samb (9) --cinco inicial-- Devin Wright (13), Rakocevic (9), Llorente (6), Fede Ucles (5) e Álex López (0).
COB 68: Pedro Rivero (18), Kapelan (7), Jonathan Barreiro (6), Max Salash (6) e Kyle Rowley (11) --cinco inicial-- Rejón (8), Jhornan Zamora (7), Tomás Fernández (5), Ánder Martínez (0) e Juan Ballesta (0).
Parciais: 21-24, 22-23 (43-47), 21-12 (64-59), 26-9 (90-68).
Árbitros: Ángel de Lucas e Arnau Padrós. Eliminaron por cinco faltas persoais a Rejón.
Incidencias: partido da 20ª xornada da LEB Ouro no Pazo Provincial dos Deportes de Lugo ante preto de 3.000 espectadores.

Osvaldas Matulionis, autor de cinco triplas, avanza co balón.
Osvaldas Matulionis, autor de cinco triplas, avanza co balón. | Fonte: Pat Muñoz

Foi mellor o COB nos dous primeiros cuartos, pero tralo descanso o Breogán apertou en defensa e cun parcial de 47-21 pasou por riba dos ourensáns, que desapareceron da pista. Por 90-68 gañaron os lucenses o derbi do Miño e, tras tres derrotas consecutivas, sumaron a novena vitoria, a tan só unha dos play-off de ascenso; Ourense queda con oito. Osvaldas Matulionis anotou cinco triplas para 18 puntos, e Pep Ortega, 17 puntos e 9 rebotes en tan só 22 minutos. Nos ourensáns, o de sempre, o capi Pedro Rivero, con 18 puntos, 4 rebotes e 5 asistencias.

COB mandou na pintura no arrinque do partido, e con sete puntos de Kyle Rowley máis unha tripla de Jonathan Barreiro púxose por diante (10-16). Só Pep Ortega, con 6 puntos, estaba atinado nos lucenses, que perdían a batalla do rebote. Unha tripla de Kapelan e un 2+1 de Barreiro e 14-22 no marcador. Un tiro libre e a primeira tripla de Matulionis deixaron a vantaxe ourensá en 21-24 tras dez minutos.

Devin Wright deulle a volta ao marcador cun parcial de 8-2 para os lucenses. Gonzalo García parou o partido con 29-26 a 6:47 do descanso e Pedro Rivero asumiu o mando, e con 12 puntos case consecutivos (tres triplas e un 3+1 incluído) puxo de novo por diante ao COB (39-42). Outra tripla, esta de Jhornan Zamora, e 43-47 no tempo de lecer.

Rivero anotou tras dous rebotes ofensivos do COB, pero a acción negativa fixo espertar ao Breo. Triplas de Pep Ortega e Matulionis e os lucenses estaban xa por diante (54-53). Os de Lisardo Gómez apertaban en defensa e o COB xa non vía aro coa facilidade do primeiro tempo. Samb, desaparecido ata entón, fixo sete puntos consecutivos e o Breo dominaba xa de cinco. Rejón parou o parcial lucense de 8-0 e o marcador quedou 64-59 para os últimos dez minutos.

Jeff Xavier, de volta no Pazo.
Jeff Xavier, de volta no Pazo. | Fonte: Pat Muñoz

O Breo, concentrado en defensa, arrincou a tope e cun parcial de 15-3 sentenciou o choque, con tres triplas case consecutivas de Matulionis. COB parou o partido con 67-59, pero non puido frear o ritmo anotador do rival, que abriu oco ata un 79-62. Ucles anotou unha tripla (84-65) e Gonzalo García deu por perdido o partido sentando a Rivero no banco a falla de tres minutos. Ao final, 90-68 trala bomba final de Jeff Xavier, que debutaba no Pazo lucense.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta