Por gcdeportes | A Coruña | 07/02/2016 | Actualizada ás 01:40
Ficha técnica:
Sporting 1: Cuéllar; Vranjes, Luis Hernández, Jorge Meré, Isma López, Sergio Álvarez, Rachid, Carmona (Halilovic, 65’), Ndi (Pablo Pérez, 78’), Jony e Tonny Sanabria (Guerrero, 82’)
Deportivo 1: Lux; Juanfran, Arribas, Sidnei, Navarro; Álex Bergantiños, Pedro Mosquera; Cani (Luisinho, 69’), Luis Alberto (Fede Cartabia, 81’), Fayçal Fajr e Lucas Pérez.
Goles: 1-0: Jony (minuto 31). 1-1: Luis Alberto (minuto 41).
Árbitro: Hernández Hernández (canario). Amarillas a Arribas (5’) e Fede Cartabia (88’) no Dépor e a Vranjes (20’) e Jony (34’) no Sporting.
Incidencias: partido da 23ª xornada de Primeira División no estio do Molinón ante 21.690 espectadores, entre eles 2.000 seareiros do Deportivo.
Outro empate. O cuarto consecutivo: Real Sociedade, Valencia, Raio e agora Sporting. E sete xornadas sen gañar. Un punto máis cara a salvación, pero xa case dous meses sen gañar (2-0 ao Eibar o 19 de decembro). Nun partido intenso e disputado pero con pouco fútbol, a enésima asociación entre Lucas Pérez e Luis Alberto (marcou o andaluz, 19 goles entre os dous) permitiu ao Dépor igualar o tanto inicial do Sporting. Suman os de Víctor Sánchez del Amo xa 13 empates na Liga, o que máis con moita diferenza.
O Dépor non se deixou sorprender pola saída en tromba do Sporting. Ningún dos dous equipos tiña o control do choque, aínda que o Sporting tentaba buscar a área deportivista con moito xogo vertical. Moita intensidade pero pouco fútbol. Moitas perdas e pouca posesión. Lux desviou a córner con apuros un centro-chute de Jony dende a esquerda. Ninguén tiña o dominio, pero o Dépor tentaba con máis posesión frear as chegadas rivais. Cando semellaba que os deportivistas asentaban no campo e controlaban o rival, chegou o gol local: foi nun córner, o balón chegou a Jony, que disparou forte ao fondo da rede tras petar o balón en Juanfran. Pasaba un minuto da media hora.
O Dépor reaccionou e comezou a tocar o balón, mentres que o Sporting semellaba tomarse un respiro tras tomar vantaxe. Tan só nove minutos despois, Lucas Pérez caneou ao seu defensor na liña de fondo e deulle medio gol a Luis Alberto, quen non errou de forte disparo e fixo o 1-1 pouco antes do descanso.
Tralo paso por vestiarios, o Dépor saiu decidido a controlar o partido, apropiouse do balón e xogou os seus mellores minutos, pero faltoulle decisión e precisión nos últimos metros. Luis Alberto tivo a mellor ocasión, pero o seu disparo detívoo Cuéllar. Abelardo veu as dificultades dos seus e meteu a Halilovic, e o partido igualouse.
O Sporting volveu achegarse á portaría de Lux, pero tampouco creou moito perigo. O partido caeu en intensidade, fíxose case aburrido, e os dous equipos xogaban temerosos de non cometer un erro e encaixar un gol. Entraron Luisinho e Fede Cartabia no Dépor (de novo Víctor non esgotou os tres trocos), pero sen moita incidencia no xogo. Lucas Pérez probou os reflexos de Cuéllar e Sanabria rematou fóra coa testa un centro de Isma López. Pouco máis destacable nas áreas, malia as tentativas finais dos xixoneses. Xusto reparto de puntos no Molinón.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.