Naufraxio do Lugo

O equipo lucense, superado polo Mirandés, que venceu 1-4 con tres goles en seis minutos na recta final do partido. Os de Luis Milla suman xa dous meses sen gañar no Anxo Carro. O vindeiro sábado, visita a Almería.

Por gcdeportes | Lugo | 07/02/2016 | Actualizada ás 21:12

Comparte esta noticia

Ficha técnica
CD Lugo 1:
Xose Xoan; Pau Cendrós, Israel Puerto, Dealbert, Manu (Sergio Marcos, 79'); Seoane; David Ferreiro, David López, Campillo (Iriome, 60'), Jonathan Pereira e Pablo Caballero.
Mirandés 4: Raúl Fernández; Galán, Álex Ortiz, Cantero; Eguaras (Carlos Moreno, 85'), Rúper, Kijera; Sangalli, Néstor, Álex García (Oyarzun, 60') e Ion Vélez (Abdón Prats, 70').
Goles: 0-1: Sangalli (minuto 39). 1-1: Iriome (min. 74). 1-2: Abdón Prats (78'). 1-3: Sangalli (81'). 1-4: Abdón Prats (83').
Árbitro: Piñeiro Crespo (asturiano). Amarelas a Manu (45'), Pau Cendrós (58') e Dealbert (76') nos lucenses e a Álex García (17') no Mirandés.
Incidencias: partido da 24ª xornada de 2ª División no Anxo Carro ante 3.056 espectadores.

Nada que obxectar ao triunfo dun Mirandés admirable, efectivo e convencido do seu xogo, que tralo empate de Iriome para os lucenses a 15 minutos do final, refíxose e marcou tres goles en tan só seis minutos. Castigo para un Lugo que leva dous meses sen gañar no Anxo Carro, con dous empates e dúas derrotas e dez goles encaixados nestes catro partidos. Demasiadas facilidades defensivas ao rival.

O Lugo leva dous meses sen gañar no Anxo Carro.
O Lugo leva dous meses sen gañar no Anxo Carro. | Fonte: lfp.es

Luis Milla deixou a Iriome no banco e apostou de novo por xogar con Jonathan Pereira e Pablo Caballero en punta. E Israel Puerto entrou polo sancionado Carlos Hernández. Aínda que Caballero tivo a primeira ocasión no minuto 2 cun remate coa testa que saiu por riba da portaría, a presión do Mirandés, co seu habitual esquema de tres defensas, impediu o xogo lucense.

Os de Carlos Terrazas roubaban moi arriba e chegaban con perigo á área de Xose Xoan, que evitou o 0-1 no minuto 12 tras un remate no segundo pau de Álex Ortiz nun saque dende o curruncho. O Lugo respostou con dúas ocasións: unha de Campillo tras unha falta que executou David López e outra nun remate de Jonathan Pereira á reviravolta. O Mirandés atopou o premio ao seu esforzo a seis minutos do descanso, tras unha perda de balón de Seoane no mediocampo, que provocou un contraataque visitante, cun maxistral pase de Néstor Salinas para Álex García, que centrou para o remate na liña de meta de Sangali. 0-1 ao descanso.

Tralo paso por vestiarios, o Lugo saiu decidido a polo partido, e achegouse máis ata a área rival. Aínda así, o Mirandés tivo unha dobre ocasión para facer o 0-2: Xose Xoan, co peito e co pé, despexou os remates de Ion Vélez e Néstor Salinas. Luis Milla deu entrada a Iriome e o Lugo gañou profundidade. Tras varias ocasións (Ferreiro, Caballero ou Iriome), o canario rematou coa testa no segundo pau un centro de David Ferreiro e acadou o empate.

Co marcador igualado e 15 minutos por diante, a vitoria parecía ao alcance dos lucenses, pero o Mirandés aguantou o envite e marcou tres goles en seis minutos. Abdón Prats, que entrara no minuto 70, adiantou aos casteláns cun remate a pracer dentro da área. Luis Milla, á desesperada tralo golpe encaixado, quitou un lateral (Manu) e deu entrada a Sergio Marcos. Rachouse o equipo lucense e Israel Puerto non puido coa velocidade dos puntas do Mirandés. Marcaron Sangalli e de novo Abdón Prats, e o Lugo encaixou a maior goleada da súa historia no Anxo Carro en Segunda. Algúns afeccionados acabaron berrando o nome de Quique Setién.

Jonathan Pereira laiase dunha ocasión perdida.
Jonathan Pereira laiase dunha ocasión perdida. | Fonte: lfp.es
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta