O Obra xa preocupa

Derrota ante Gipuzkoa por 82-75 tras dous pésimos primeiros cuartos (52-34) e a xa habitual reacción tralo descanso (30-41). Os árbitros sinalaron 34 faltas ao Obra, récord en contra na ACB. Santi Yusta, de novo o mellor con 16 puntos.

Por gcdeportes | Compostela | 07/02/2016 | Actualizada ás 23:05

Comparte esta noticia

Ficha técnica
Gipúzkoa Basket 82:
Llompart (14), Txemi Urtasun (17), Vrkic (4), Doblas (9), Travis Wear (6) -cinco inicial- Lawrence (5), Agbelese (0), Landry (18), Grimau (9), Soluade, Motos, Olaizola.
Obradoiro 75: Donnie McGrath (11), Santi Yusta (16), Waczynski (10), Caloiaro (11), Triguero (0) -cinco inicial- Tyler Haws (4), Álec Brown (11), Pustovvi (2), Bendzius (2), Fran Cárdenas (2), Pepe Pozas (4) e Chagoyen (2).
Parciais: 23-18, 29-16 (52-34), 15-20, 15-21 (82-75)
Árbitros: Daniel Hierrezuelo, Juan de Dios Oyón e Jordi Aliaga. Eliminaron por cinco faltas persoais os obradoiristas Álec Brown, Pustovyi e Angelo Caloiaro.
Incidencias: San Sebastián Arena ante 4.300 espectadores.

Nova derrota do Rio Natura Monbus Obradoiro, a décima nos últimos once partidos. E o peor non é o resultado, senón a sensación de que cada partido do equipo semella ser un Día da Marmota (como na célebre película protagonizada por Bill Murray). O guión foi o mesmo da maioría das derrotas: un ou dous cuartos de desconexión absoluta no que os xogadores semellan merecer estar noutra competición, e o resto do tempo tentando remar para morrer finalmente na beira.

Nesta ocasión o verdugo foi o pechacancelas, o Retabet.es GBC, que ata o momento só gañara dous partidos no seu campo. Chegaba á cita sendo o segundo peor conxunto en triplas (31%) e ao descanso levaba un 54% de acerto e rematou cun 38%. Tamén castigou a debilidade do Obradoiro no rebote con once capturas ofensivas, e forzou ata 23 perdas dos homes de Moncho Fernández. A única nota positiva para os galegos foi que o 82-75 deulles para manter o basket-average particular co rival (81-68 en Sar).

Non tardou o partido en poñerse en contra, malia un 4-9 de parcial inicial e con boas sensacións no aspecto defensivo. A segunda falta de Triguero foi o prólogo do que viría despois. Un parcial de 17-11 para os locais, cunha gran defensa e castigando dende a liña de triplas e os tiros libres. E por riba, entrementres, Artem Pustovyi cometeu a terceira.

Sen ideas en ataque, cunha defensa case inexistente e concedendo exceso de tiros libres a vantaxe foi aumentando sempre a oprol do GBC. Llompart e, sobre todo, Marcus Landry foron os que levaron a voz cantante, aproveitando os sete rebotes en ataque do primeiro tempo, e as dez perdas de balón cometidas por Obradoiro. Así se chegou ao descanso cun contundente 52-34.

O descanso trouxo un troco para Obradoiro, que mellorou no terceiro cuarto. Todo con Fran Cárdenas aos mandos, que tivo a súa oportunidade tras a mala primeira metade de McGrath e Pozas. Un parcial de 0-8 con cinco puntos de Álec Brown axudou a manter a esperanza. O partido comezou a moverse no terreo dos dez puntos de diferenza e por momentos daba a sensación de que o Obra en calquera momento podía achegarse máis. Púxose a oito tras unha tripla de Álec Brown, pero Wear dende a liña de persoal e Lawrence cunha tripla arrefriaron os ánimos de remontada.

Chegouse ao cuarto decisivo nun mar de erros en ataque, falta de ritmo e continuas faltas e tiros libres para os dous equipos. Coa pronta eliminación de Caloiaro con nove minutos por xogarse, e a posterior de Álec Brown e Pustovyi (esta preto do final) foi o máis novo do equipo, Santi Yusta, quen seguiu a amosar a ousadía que o converte na fichaxe revelación. Anotou sete puntos impoñendo o seu físico para atacar o aro, e con algunhas accións de McGrath o marcador amosaba un sorprendente 76-71 a falta de dous minutos. Pero o guión doutras ocasións volveu a facerse realidade e as perdas e as malas decisións fixeron o esforzo en balde.

Bendzius tenta taponar o tiro de Marcus Landry.
Bendzius tenta taponar o tiro de Marcus Landry. | Fonte: ACB Photo

Crónica de José Ángel Santoveña (@JoseA_Santovena)

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta