Temas: NEGOCIOS BANCA

Dez formas de investimento que crecerán en 2016

O investimento financeiro diversifícase e subirán os modelos alternativos. Depósitos bancarios, fondos de investimento, fondos de pensións, débeda pública, compra de inmobles, arte ou capital risco, entre as propostas.

Por GC Emprende | Compostela | 08/02/2016 | Actualizada ás 13:00

Comparte esta noticia

Aínda que 2016 foi sinalado como o ano no que a crise ía quedar atrás, moitos analistas esperan que será aínda un ano de transición. A economía española terá aínda que superar algúns obstáculos, pero poden ter xa capacidade de aforro. Recollemos dez formas de investimento que previsiblemente aumentarán o seu volume en 2016.

Un grupo de universitarios estuda crear una empresa no marco de programas ao emprendemento universitario
Un grupo de universitarios estuda crear una empresa no marco de programas ao emprendemento universitario | Fonte: murciaemprende

Depósitos bancarios. Son os favoritos das familias españolas, en 2013 o 46,8% dos aforros españois destinábase a este tipo de depósitos en comparación co 33,2% dos aforros europeos (ver info.). En 2015, os depósitos ofreceron rendibilidades de entre o 0,40% e 0,85% TAE. Os tipos de interese excesivamente baixos están a provocar a saída de activos cara a outros produtos con rendibilidades maiores.

Fondos de investimento. Son outra das formas de investimento que con máis frecuencia ofrecen aos aforradores os bancos españois. No 2015 a rendibilidade media anual dos fondos de investimento españois foi do 1%, segundo datos de INVERCO, pero o abano de fondos é moi amplo e as rendibilidades tamén.

Fondos de pensións. Outra das diferenzas entre España e Europa é que os europeos invisten máis que os españois en plans de pensións privados (16,5% en España fronte ao 38% en Europa, en 2013). Con todo, a maioría estima que aumentarán as súas achegas a este tipo de plans nos próximos anos. Segundo INVERCO en 2015 deron unha rendibilidade media anual do 0,5%.

Débeda pública. A crise obrigou aos estados a emitir letras, bonos e obrigacións de maneira continua e os investidores víronas como un valor seguro. Os bancos son os principais investidores en débeda pública e ofrécena aos seus clientes a través de distintos instrumentos, pero son moi poucos os galegos que adquiren bonos, letras e obrigacións de forma directa. O tipo de interese medio ofrecido polo Bono a 10 anos en 2015 foi do 1.7%. (Ver datos).

Compra de Inmobles. Tradicionalmente foi unha dos investimentos favoritos dos españois, pero os excesos cometidos durante a burbulla inmobiliaria teñen provocado unha gran desconfianza neste mercado. Segue sendo un sector pouco seguro para moitos, a pesar de que o prezo da vivenda empeza subir nas capitais de provincia tras 8 anos seguidos de baixadas. (Un 29% en 2015 en datos a Sociedade de Tasación).

Arte. É unha opción elixida por poucos xa que require coñecementos previos e ten pouca liquidez. O mercado da arte moveu en 2013 en España 336 millóns en vendas totais segundo un informe da Fundación Arte e Mecenado, o que supón un aumento do 3% anual. Os altos prezos alcanzados recentemente por algunhas obras moi coñecidas, fan presaxiar un ano de crecemento en 2016.

A bolsa. A volatilidade da bolsa foi moi alta nos últimos meses pero a maioría de analistas esperan crecementos de entre un 9 e 14% en 2016 no volume de activos coa economía española á cabeza do crecemento na zona euro. Para conseguir boas rendibilidades hai que elixir ben os valores. A rendibilidade media do IBEX 35 foi do -3.5% en 2015,  incluíndo os dividendos repartidos.

O MAB. En 2015 o Mercado Alternativo Bolsista, pechouse con 34 empresas en expansión, máis de 3.700 SICAV, 11 SOCIMIS e 11 SIL. As empresas conseguiron unha recadación próxima aos 100 millóns de euros, un 9% menos que en 2014 (datos). Os xestores do MAB teñen boas expectativas para o 2016, con novas incorporacións anunciadas, pero aínda que pode ofrecer unha alta rendibilidade, é tamén un mercado moi volátil, aconsellado para investidores con experiencia.

Capital risco. Tamén para investidores experimentados, a CNMV ten actualmente máis dun centenar de Sociedades de Capital Risco rexistradas, que segundo a asociación ASCRI, moveron un volume de 2.790 M? en 2015, case un 20% menos que o ano anterior, iso si, cun 9% máis de operacións. Con menor supervisión e vantaxes fiscais, o Capital Risco converteuse na forma favorita de investimento de numerosos fondos internacionais dispostos a asumir riscos para conseguir rendibilidade.

Crowdlending. Esta forma de investimento crece anualmente a ritmos superiores ao 100% en España. A recente regulación legal achegou unha maior confianza a este sistema e calcúlase que en 2015 en España prestáronse máis de 30 M a través das distintas plataformas de crowdlending. Captan a empresas solicitantes de préstamos, valoran a súa capacidade económica e ofrécenllas aos investidores que se deron de alta na súa plataforma online para que eles decidan se prestarlles diñeiro e canto. Non é necesario ser un investidor avanzado, nin ter grandes cantidades de diñeiro, calquera persoa pode darse de alta e empezar a investir pequenas cantidades nos distintos proxectos. A plataforma ocúpase de formalizar os contratos e de que os investidores reciban mensualmente a súa amortización mensual e a rendibilidade convida, a miúdo de entre o 7 e o 12%. No caso de MytripleA a rendibilidade media para o investidor no ano 2015 foi do 7,43% e o investidor pode investir desde 50? nos proxectos que elixa.

Temas: NEGOCIOS BANCA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta