Quen está detrás do novo proxecto de megaminería?

Grupo M-FM 2011 SL é parte dun grupo maior con experiencia no sector mineiro en Madrid -onde acumulou sancións medioambientais e unha multa de máis de 800.000 euros-, Extremadura e Ávila.

Por Manuel Vilas | Madrid | 09/02/2016 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

O anuncio da Xunta dun permiso de investigación mineira a unha empresa descoñecida provocou recentemente a alarma dos ecoloxistas, incluído o rexeitamento de 17 asociacións nun comunicado conxunto. Alternativa Galega de Esquerdas tamén solicitou no Parlamento información sobre as circunstancias que rodean a solicitante de varios permisos para explorar case 9.000 hectáreas en Zas, Santa Comba e Mazaricos.

Pintanda crítica coa Mina en Corcoesto
Pintanda crítica coa Mina en Corcoesto | Fonte: Miguel Nuñez

A pregunta que se fai todo o mundo arestora é quen está detrás de Grupo M-FM 2011. E sobre todo, ten realmente ten capacidade financeira e técnica dabondo para lanzar un proxecto de megaminería similar ao fracasado en Corcoesto?

A solicitante dos permisos Grupo M-FM 2011 é unha empresa de ámbito familiar e tamaño medio. O administrador da empresa -fundada en 2001 e con 232.000 euros de capital social- é Antonio Miranda Rojas e figuran como apoderados os seus irmáns Javier e Mónica.  Antonio figura tamén como Administrador Único de TICOSA, centro do grupo  empresarial.

A fiscalía pediulle seis anos de prisión a este empresario pola actividade de TICOSA en 2011. En concreto por un delito contra o medio ambiente en San Martín de la Vega, en Madrid. O fiscal indicou que esta compañía sacou area dunha zona protexida como ZEPA (Zona Especial de Protección de AVES) no Parque Regional del Sureste sen pedir a imprescindible declaración previa de impacto ambiental. Varios expedientes sancionadores concluíron cunha multa administrativa de 819.935,57 euros e a obriga de restaurar a ribeira.

O Tribunal Supermo anulou a multa por cuestións relativas ao procedemento xudicial previo. Con todo, os danos ambientais seguían sen solventar dous anos despois.  En 2014, segundo informa a Asociación Ecologista del Jarama, a Dirección General de Evaluación Amiental da Comunidad de Madrid elaborou un informe en base a inspección da explotación de TICOSA na que se constataba que a empresa non executara a reparación do terreo afectado. Segundo os ecoloxistas, isto provocou un informe crítico do Defensor del Pueblo de Madrid. 

A avaliación ambiental que pedira a mineira foi rexeitada inicialmente polo citado Parque Regional.  Os problemas da canteira de TICOSA comezaron dende a súa instalación. Segundo informara  Raul Rejón en El Diario, a mina estivo sen permiso oficial dende 2003 até 2013. 

TICOSA, ademais de Grupo M-FM 2011 SL, participa en Aguas Minero Termales Asociados 2001 SL. A esta filial a Junta de Extremadura denegoulle un permiso de exploración -similar ao concendido agora en Galicia- nunha parcela denominada “Camino de Santo Domingo” en 2005. En 2001 solicitara permiso para outra parcela, denominada “Rincón de Ballesteros”.  A historia mineira do grupo no sector inclúe tamén traballos en Blascoeles, aldea de Ávila onde encargou un “informe pericial de la explotación minera” a unha compañía auxiliar de servizos mineiros, Geocontrol.

Fóra da minaría, a Miranda Rojas figura como administrador único dunha empresa de aceite de oliva, Agrupación Laya. A través desta empresa controla a inmobiliaria Urbanismo y Desarrollo Ceuta SL, situada na cidade norteafricana e creada en 2015.

En definitiva, aínda que ten certa experiencia no sector mineiro, ningunha das empresas do grupo avala dispor de capital, traxectoria ou número de traballadores suficiente para executar un proxecto mineiro de gran envergadura. Salta á memoria pois o sucedido en Corcoesto, onde primeiro foi unha pequena empresa española -Rio Narcea Gold Mines- quen fixo os primeiros traballos de explotación para dar logo paso a unha gran compañía foránea, Edgewater.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Ártabro

Galicia é unha colonia dos casteláns... porque os galegos o permitimos.