O celtismo non se rende

A afección celeste cre na remontada do 4-0 da ida de Copa fronte ao Sevilla e as peñas organizan un recibimento en Balaídos ao equipo con bengalas para o xoves ás 19:00 horas.

Por gcdeportes | Vigo | 09/02/2016 | Actualizada ás 09:57

Comparte esta noticia

Malia o 4-0 encaixado na ida, o celtismo aínda soña coa final da Copa. E como na anterior eliminatoria, cando se deu cita na Madroa para arroupar o equipo antes da súa viaxe a Madrid, a afección non deixará só o seu equipo fronte ao Sevilla. Varias peñas celestes preparan xa un recibimento en Balaídos o equipo para este xoves para tentar axudarlle a acadar a fazaña.

Os seareiros celestes acudiron á Madroa a apoiar os seus antes da viaxe a Madrid.
Os seareiros celestes acudiron á Madroa a apoiar os seus antes da viaxe a Madrid. | Fonte: @rccelta_oficial

Catro goles de desvantaxe, pero os seareiros manteñen a ilusión e queren que o seu equipo loite os 90 minutos pola clasificación para a final de Copa. Ante esa posibilidade, as peñas organizan un recibimento con bengalas aos xogadores. A cita será a tan só uns metros do estadio, na avenida de Fragoso coa rotonda de Balaídos, ás 19.00 horas, para alí agardar ao equipo e tentar darlle ánimos aos homes do Toto Berizzo.

“Non seremos nós os que se estean arrepentindo toda a vida de non ter estado en Balaídos o 11-02-16”, escribiu no seu twitter a peña Centolos Celestes, xunto co hashtag #APolaCopa e xunto coa mensaxe “1 equipo con 2 collóns 3 anos despois do 4% necesita cinco goles para facer historia”, en referencia a cando o Celta, a falla de dúas xornadas na tempada 2012-13, só tiña un 4% de posibilidades de salvarse e acadou a permanencia en Primeira.

“Sairemos a polo partido. Con moito movemento, atacando por bandas. Podemos enchernos de optimismo. Non venderei unha ilusión na que non creo, pero o encontro de hoxe deixanos moitas cousas boas”, explicou Berizzo trala segunda parte do seu equipo co Sevilla na Liga, na que o Celta pasou por riba do rival e puido marcar varios goles. "Mentres hai vida hai esperanza. Temos que saír co coitelo entre os dentes e apertar, a xente meréceo. E polo menos temos que gañar o partido", apuntou o capi Hugo Mallo tralo 4-0 da ida.

Cartel da quedada celeste para o partido do xoves fronte ao Sevilla.
Cartel da quedada celeste para o partido do xoves fronte ao Sevilla.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta