Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 01/12/2024 | Actualizada ás 12:00
¿Va que a practicamente todos nos resulta familiar esa escena en que vemos unha parella discutir e alguén bota man, ou ben porque o pensa, ou ben a xeito de brincadeira, ou ben para lle sacar ferro ó asunto, da paremia castelá cuanto más reñidos, más queridos?
Mais non temos por que recorrer necesariamente ó castelán para dar conta dese contido, xa que en galego dispomos de paremias ou secuencias fraseolóxicas que transmiten esa mesma “significación”. Vexamos algunhas:
Cuanto más reñidos, más queridos
{= Paremia con que se dá a entender que as disputas e problemas son parte normal nunha relación de parella, ou ben que as parellas que máis rifan (supoñemos que partindo da base de que os seus membros teñen tanta confianza entre si que se manifestan con total sinceridade) son tamén as que máis se queren ou as que se comportan con máis amor e paixón na súa relación. Mesmo tamén se pode aplicar a unha relación de amizade, dando a entender que unha disputa ou rifa entre dous amigos non é realmente sinal de desconcordia ou discrepancia significativas nin irreconciliables, senón que é un indicativo máis dunha relación estreita, forte e asentada.}
Canto máis rifados, máis amados
Os amores, canto máis rifados, máis amados
[E MAIS]:
Rifan os amantes e quérense máis ca antes
Ex.: —¿Resultó un poco incómodo, no? ¡Toda la cena llevándose la contraria el uno al otro! —¡Qué va, mujer, no hagas caso! Si cuanto más reñidos, más queridos.
—¿Resultou un pouco incómodo, non? ¡Toda a santa cea levándose a contraria o un ó outro! —¡Dodemo, muller, non fagas caso! Se (os amores,) canto máis rifados, máis amados. ‡ Xa sabes: rifan os amantes e quérense máis ca antes.
● Tamén:
Ira de enamorados, amores doblados
Ira de namorados, amores dobrados
● Tamén:
Amores reñidos son los más queridos
Os amores reñidos son os máis queridos && O amor, canto máis reñido, máis querido && [E MESMO, POSIBLEMENTE COMO CALCO DO CASTELÁN]: Canto máis reñidos, máis queridos
NOTAS:
1. Lembremos, en relación co último “Tamén”, que desde un enfoque estritamente normativo non se contempla o verbo reñer.
2. As expresións e solucións galegas están tiradas das seguintes fontes, ou inspiradas nelas:
- Recolleita propia da oralidade galega.
- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).
- Conde Tarrío, Germán: Diccionario de refráns. Correspondencias en castelán e francés. Editorial Galaxia, Vigo, 2001.
- Ferro Ruibal, Xesús: Refraneiro Galego Básico. Ed. Galaxia, Vigo, 1987.
- Rodríguez González, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego castellano, vols. I (1958), II (1960) e III (1961). Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).
- Soto Arias, María do Rosario: Achegas a un dicionario de refráns galego-castelán, castelán-galego. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 3, 2003. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- Taboada Chivite, Xesús: Refraneiro Galego. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 2, 2000. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.