O Obra segue á deriva

Sexta derrota consecutiva, desta volta por 69-86 contra un Baskonia que foi moi superior. Homenaxe a Alberto Corbacho no seu regreso a Sar. O venres, mesmo choque nos cuartos de final da Copa na Coruña.

Por gcdeportes | Compostela | 14/02/2016 | Actualizada ás 00:33

Comparte esta noticia

Ficha técnica
Obradoiro 69:
Donnie McGrath (2), Santi Yusta (6), Waczynski (14), Caloiaro (9), Artem Pustovyi (4) -cinco inicial- Tyler Haws (6), Triguero (6), Álec Brown (15), Bendzius (5) e Pepe Pozas (2).
Laboral Kutxa 86: Darius Adams (2), Fabien Caseur (9), Adam Hanga (15), Kim Tillie (14), Ilimane Diop (4) -cinco inicial- Mike James (10), Bourousis (6), Blazic (9), Corbacho (3) e David Bertans (14).
Parciais: 13-21, 24-18 (37-39), 17-27, 15-20 (69-86)
Árbitros: José Antonio Martín Bertrán, Francisco Araña e Rubén Sánchez Mohedas. Eliminaron por cinco faltas persoais a Artem Pustovyi.
Incidencias: partido da 20ª xornada da Liga ACB disputado no Fontes do Sar de Compostela ante 5.464 espectadores.

Alberto Corbacho, homenaxeado no seu regreso a Sar co Baskonia.
Alberto Corbacho, homenaxeado no seu regreso a Sar co Baskonia. | Fonte: ACB Photo

O primeiro asalto entre Rio Natura Monbus Obradoiro e Baskonia rematou cunha contundente vitoria dos vitorianos, nun partido que serviu de prólogo para a histórica estrea na fase final da Copa. Os baskonistas foron moi superiores ante un Obra que segue atrapado nunha mala xeira da que non se ven síntomas de poder saír. Sexta derrota consecutiva e a vindeira xornada, tralo parón da Copa, visita a un Sevilla coas mesmas vitorias: seis.

Comezou Baskonia impoñendo a súa defensa. Asfixiou moi ben as liñas de pase e Obradoiro tivo moitas dificultades para anotar. Waczynski e Hanga lideraron os seus equipos en anotación no inicio, mentres se mantivo a igualdade no encontro. No momento que faltaron os puntos do aleiro polaco, un parcial de 2-8 daba a primeira vantaxe importante ao Baskonia, da man de Bourousis, que tomou o relevo de Hanga. 13-21 ao remate do primeiro cuarto.

No segundo cuarto houbo reacción de Obradoiro. Tyler Haws anotou seis puntos tentando apertar o marcador. Triguero foi a mellor axuda cun gran traballo de intendencia, con cinco rebotes ofensivos nun só cuarto. Baskonia respondeu ben, mantendo a vantaxe en todo momento. Foi no remate do segundo cuarto cando os homes de Moncho Fernández conseguiron recuperar o terreo perdido. Un parcial de 10-3 cun palmeo sobre a bucina de Álec Brown devolveu a esperanza a Sar. (37-39).

Tras o descanso, a defensa de Obradoiro creceu en intensidade, quizás demasiada, posto que aos catro minutos xa estaban en bonus. A diferenza volveu a situarse en torno aos sete puntos gracias sobre todo a aportación de Tim Killie, que cos seus puntos contivo os intentos galegos por remontar. Pouco a pouco, a boa defensa do Obradoiro diluíuse, e un novo empurrón de Hanga dinamitou o choque (54-66, minuto 30).

Hanga machaca o aro obradoirista en presenza de Caloiaro, Álec Brown e McGrath.
Hanga machaca o aro obradoirista en presenza de Caloiaro, Álec Brown e McGrath. | Fonte: ACB Photo

Pouco quedaba que pintar no derradeiro cuarto. Malas decisións e varias perdas cortaron as poucas esperanzas que puideran quedar para unha remontada milagreira. Baskonia seguiu anotando e levou a vantaxe ata os dezasete puntos cos que remataría o partido. Entrementres, Pustovyi foi a viva imaxe da impotencia obradoirista ao ser eliminado por cinco faltas. Ao final, 69-86 e unha nova derrota de Obradoiro, que sigue afundido.

Crónica de José Ángel Santoveña (@JoseA_Santovena)

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta