Por Galicia Confidencial | A Coruña | 14/02/2016 | Actualizada ás 15:56
Sobre as negociacións dos orzamentos na Coruña, Ferreiro dixo, nunha entrevista na Radio Galega, que aínda que a vontade de chegar a acordo co PSOE segue adiante, “a partir desta semana empezaremos a reunirnos coas outras forzas políticas da oposición”.
A Marea xa anunciou que intentará sumar os votos do Bloque e do PP. Os sufraxios do PP é moi improbábel que os logre e o do BNG non lle sería dabondo para aprobar as contas de o PP vota en contra.
O primeiro edil coruñés recordou que o principal motivo polo que aínda non está aprobado o
proxecto presupostario deriva “da incapacidade que até agora amosou o grupo municipal
socialista para trasladarnos as súas propostas”. “Non tivemos ningún xesto que nos faga entender que o PSOE ten vontade real de que a cidade teña uns presupostos”, reflexionou.
Neste punto, Ferreiro recordou que, se non é posible chegar a acordo co grupo socialista,
“esta semana empezaremos a reunirnos coas outras forzas políticas para ver se é posible
chegar a consenso ou, polo menos, para posibilitar que se nos deixe aprobar os orzamentos
cos votos do grupo de Goberno”. Os socialistas, pola súa banda, acusan á Marea Atlántica de prepotencia por, segundo eles, presentar plans de actuación sen negociar con eles o diñeiro para executalos.
Ademais de na Coruña, en Santiago de Compostela a marea local, Compostela Aberta, non ten garantido o apoio do PSOE para sacar adiante as contas. Situación diferente a de Ferrol, onde os socialistas si participan no Goberno.
Por outro lado, e con respecto á política do Concello coruñés con respecto ás licenzas urbanísticas, o alcalde manifestou que “a prioridade é que se cumpra a legalidade scrupulosamente”.
“Dito así pode parece que non é gran cousa, pero a realidade é que a cidade arrastra moitos problemas dende hai moitos anos relativos a urbanismo e patrimonio, por iso os servizos de urbanismo están a ser moi serios á hora de tramitar todos os permisos”, explicou. “Nesa área reforzouse o persoal, co que se conseguiu maior axilidade, o que permitiu aumentar nun 40% a tramitación de licenzas”, comentou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.