20 anos defendendo o galego nas institucións

Anxos Sobriño substitúe a Nel Vidal na Presidencia da CTNL. Rosa Moreiras será a secretaria e Queca Carballo a tesoureira. Esta organización celebrará unha festa este sábado en Compostela para celebrar os seus 20 anos.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 19/02/2016 | Actualizada ás 12:47

Comparte esta noticia

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) celebra os 20 anos da súa primeira asemblea e o fai con cambio na súa presidencia. Anxos Sobriño substituirá a Nel Vidal, que estivo á fronte da entidade durante os últimos nove anos.

Anxos Sobriño, nova presidenta da CTNL, nun acto de Queremos Galego
Anxos Sobriño, nova presidenta da CTNL, nun acto de Queremos Galego | Fonte: ctnl

O resto do equipo directivo estará formado por Rosa Moreiras, como secretaria (técnica de normalización lingüística do Concello de Ames) e Queca Carballo, como tesoureira (lingüista da Aula de Produtos Lácteo da USC). O equipo complétase cos/as vogais Adela Pita (do Concello de Narón), David Cobas (formador e dinamizador lingüístico), Dores S. Alegre (da Deputación da Coruña), Silvia Muíño (do Concello de Betanzos), Soco G. Conde (do Concello de Santiago de Compostela) e Tono Formoso (da empresa Fabaloba).

A nova presidenta, Anxos Sobriño (O Rosal, 1971) é licenciada en Filoloxía Galega pola Universidade de Santiago de Compostela (USC). Traballou como técnica de normalización lingüística no Concello do Rosal e no Instituto da Lingua Galega (ILG). Posteriormente foi durante tres anos tradutora intérprete na Dirección Xeral de Xustiza da Xunta e, desde 2004, é técnica superior lingüista na Audiencia Provincial de Pontevedra.

Ao longo destes 20 anos da acción da CTNL naceron proxecto como o Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG), pertencente ao Consello da Cultura Galega; numerosos encontros, xornadas e accións formativas. Tamén proxectos e campañas como Gústame o galego, Como cho digo ;-), Agasallo.eu, Que se vexa! o galego ou LGx15, ideas para o futuro da lingua, entre moitas outras propostas e proxectos.

A CTNL celebra este sábado no Espazo Cultural da Nave de Vidán de Compostela celebrará estes 20 anos cunha festa sesión vermú aberta a todas as persoas que queiran participar, e na que actuará a Punkestra Chumeiras. A continuación seguirá a celebración cun xantar conmemorativo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta