Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/12/2024 | Actualizada ás 21:31
BNG e PSdeG manifestaron as súas críticas cara á presidenta da comisión de investigación sobre a contratación da Administración autonómica, Elena Candia, pola convocatoria para este venres da reunión do relatorio encargado de elaborar o ditame do organismo que o mércores pechou a súa fase de comparecencias e recompilación de documentos.
Os principais grupos da oposición consideran que o PP ten "présa" e pretende adiantar o máximo posible o proceso para pechar canto antes unha comisión de investigación que cren que foi "boicoteada" desde "o primeiro minuto" polo grupo que sustenta ao Goberno galego, segundo trasladaron fontes de BNG e Partido Socialista a Europa Press.
Ambas as formacións entenden que a convocatoria desta reunión non respecta os prazos que marca o regulamento da Cámara e, ademais, non foi acordada cos grupos, que a esperaban para a próxima semana.
Tanto BNG como Partido Socialista traballan na presentación dun escrito para manifestar o seu desacordo con esta e outras actuacións realizadas desde a Presidencia da comisión de investigación que desenvolveu os seus traballos ao longo do último mes.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.