Prepárase o primeiro rexistro sobre a historia do turismo en Galicia

Rafael Vallejo, profesor da Universidade de Vigo, dirixe un proxecto para elaborar a primeira historia do turismo no noso país.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 19/02/2016 | Actualizada ás 17:00

Comparte esta noticia

O profesor da Universidade de Vigo Rafael Vallejo dirixirá un proxecto para elaborar a primeira historia do turismo en Galicia. Será nunha investigación que nace ao abeiro doutra iniciativa máis ambiciosa a nivel estatal coordinada polo grupo Turhis e que analizará a Historia do Turismo en España durante o século XX.

O profesor da Universidade de Vigo Rafael Vallejo, acompañado polas súas colegas Margarita Villar e Elvira Lindoso,da Universidade da Coruña
O profesor da Universidade de Vigo Rafael Vallejo, acompañado polas súas colegas Margarita Villar e Elvira Lindoso,da Universidade da Coruña | Fonte: DUVI.

A través deste proxecto coordinado, pero independente, tratarase de crear un rexistro que permita valorar a importancia socioeconómica do turismo en Galicia ao longo do tempo, un traballo que ata o de agora non se fixera.

Un dos obxectivos deste proxecto é definir as principais etapas, os seus axentes tanto pola parte da oferta como da demanda, e os desenvolvementos sectoriais que acontecen en cada unha destas fases.

Galicia servirá deste xeito como representante das modalidades turísticas da España máis setentrional de finais do século XIX e de todo o século XX e, coa investigación paralela, tentará achegar un valor engadido ao proxecto de ámbito nacional do grupo de investigación en Historia do Turismo, informa a Universidade de Vigo.

Modelo turístico

Con este traballo búscase ademais identificar o modelo turístico galego, os seus trazos e peculiaridades en cada etapa e poñelo en relación co turismo nacional, xa que as investigacións levadas a cabo ata o de agora “renuncian con demasiada frecuencia á análise do caso galego, ao non encaixar no modelo de sol e praia predominante na segunda metade do século XX”, explica Vallejo.

Un peregrino ás portas de Santiago de Compostela
Un peregrino ás portas de Santiago de Compostela | Fonte: DUVI.

“A visión histórica de Galicia como unha economía de base agraria, relativamente atrasada, con escaso empuxe urbano e deficientes comunicacións tampouco axudou moito ao estímulo para abordar a análise da actividade turística na comunidade, xa que soen asociarse a economías moi diferentes e localizadas noutras latitudes peninsulares”, comenta o investigador. 

A investigación, coordinada co investigador Carlos Larrinaga, responsable do proxecto xeral, persegue tamén valorar a proxección e a imaxe exterior de Galicia a través do seu turismo e o papel que desempeñaron algúns recursos históricos e culturais, como o fenómeno do Xacobeo, as peregrinacións a Santiago de Compostela e a súa riqueza artística e arquitectónica; a calidade dos recursos naturais e culturais, como a paisaxe ou as augas minerais; ou a sostibilidade e valor engadido que achegan equipamentos turísticos como os grandes balnearios.

As constantes históricas reflectidas en guías de referencia, como a fermosura das nosas paisaxes, os nosos monumentos, as cidades portuarias e industriais galegas, as nosas praias, a nosa gastronomía ou os recursos termais, seguen a competir coa imaxe de Galicia como un territorio afastado e atrasado.

“Ata non hai moitos anos, nas últimas décadas do século XX, a distancia física asociada a uns medios de transporte lentos ou deficientes era un factor que desanimaba a viaxar a Galicia”, salienta Vallejo, quen como estudante na Universidade Autónoma de Madrid nos anos 80 escoitaba esta queixa de boa parte dos seus compañeiros cando os animaba a visitar a comunidade.

Evolución histórica

Non foi ata a segunda metade do século XIX cando Galicia comezou a abrirse ao turismo. Fíxoo a través da práctica do denominado “baño de onda” nas praias de Vilagarcía, A Coruña ou Vigo, e da creación dos primeiros balnearios modernos. Era un turismo “aínda minoritario, elitista, que funcionaba en enclaves concretos”, pero que deu paso a empresarios que viron no turismo un sector con posibilidades.

“A revolución da mobilidade cos trens, os vapores trasatlánticos e os primeiros coches denominados turismo ampliaron as posibilidades de viaxar" no século XX, explica Vallejo. Así, chegada a primeira década do século XX por primeira vez unha agrupación política incluíu o turismo no seu programa electoral ao mesmo tempo que nacía en Vigo a Asociación para o Fomento do Turismo en Galicia, que en 1910 levou a Londres unha campaña de promoción turística do país como destino turístico vacacional.

“Pero unha cousa é o espertar e outra que o turismo se converta en Galicia nunha parte significativa da estrutura económica do país”, advirte Vallejo, xa que para iso “se requiren investimentos, a creación dunha ampla e reputada infraestrutura de aloxamentos e transportes, e unha rede de empresas e empresarios". Ese mesmo espertar reflíctese “na paisaxe, no urbanismo” que se nota en enclaves turísticos como Mondariz-Balneario, que en 1928 ofertaba xa 697 habitacións de hotel, incluídas as 250 do balneario, e 135 en hospederías.

Porén, no conxunto de España, o salto turístico de Galicia produciuse na década de 1980, xa que “foia partir de 1986-1987 cando o PIB turístico e o emprego turístico superaron en Galicia o 4-5% do total español, cando a media en España era do 5,8-6,1%”. 

Para conseguir os seus obxectivos, Vallejo contará coa colaboración dun equipo interdisciplinar cunha sólida bagaxe nesta temática: por unha banda, as profesoras da Universidade de A Coruña Elvira Lindoso e Margarita Vilar, especialistas en Historia económica; e, pola outra, a profesora de Literatura e Historia cultural e de xénero da Universidade de Warwick, no Reino Unido, Kirsty Hooper.

Con este proxecto, que conta cun financiamento de 22.000 euros por parte do Ministerio de Economía e Competitividade (Mineco), o equipo tentará “sentar unhas bases moi firmes que sirvan a outros investigadores españois e estranxeiros” para futuros traballos, xa que “en Galicia o turismo tamén ten unha dimensión internacional na que cremos que é ineludible ter en conta a súa historia”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta