As compañías eléctricas tamén perden xuízos

Un xulgado de Mondoñedo acaba de desestimar a reclamación da comercializadora eléctrica EON que lle pedía case 54.000 euros en facturas a unha empresa frigorífica de Ribadeo. Outro xulgado recoñeceu que as eléctricas poden cobrar entre un 15 e un 60% máis nas facturas.

Por Galicia Confidencial | Mondoñedo | 23/02/2016 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

O xulgado de Instrucción 2 de Mondoñedo acaba de desestimar unha denuncia realizada por EON comercializadora de último recurso SL., unha das multinacionais comercializadoras de electricidade máis importantes de Europa, contra unha empresa frigorífica de Ribadeo á que acusaba de non pagarlle facturas por valor de 53.704,06 euros.

Estación eléctrica con liñas de alta tensión
Estación eléctrica con liñas de alta tensión

Sen embargo, a empresa demandada, presentou un completo informe pericial do inxeñeiro industrial José Manuel Rodríguez Torres no que alegaba que as cantidades reclamadas baseanse en facturas "ilegais e falsas", xa que non se recolleron as variables que serviron de base para o cálculo das facturas reclamadas.

Isto, segundo a empresa, impediulle comprobar a realidade das cantidades reclamadas e se o consumo corresponde co contratado. E é que segundo o informe pericial, en ningunha das facturas se recolle o verdadeiro número de contador da empresa.

A xuíza tivo en conta este completo informe xa que na súa sentenza recoñece que, efectivamente, as facturas que reclaman EON non identifican o contador ou o indicado non coincide co do establecemento demandado. Tamén recoñece que as facturas non recollen as lecturas dos contadores realizadas, "descoñecendo a parte demandada se a facturación efectuada coincide realmente co consumo de enrxía efectivamente realizado"."Polo tanto, descoñecese en base a que contador se levou a cabo a facturación, e se o mesmo funcionaba correctamente", engade.

Por outra banda, a sentenza tamén destaca que os datos aportados pola distribuidora eléctrica "non recollen os datos necesarios e esixidos pola lexislación". "A parte demandante non probou debidamente ditos consumos, non aportou probas que acredite que lectura existía no momento da facturación", suliña.

Unhas probas que, para a xuíza, son necesarias para saber se "se manipulan as lecturas do contador con respecto ás facturas emitidas polo comercializador ou o distribuidor e se se paga a enerxía real correspondente a cada período facturado".

Outras sentenzas teñen xa recoñecido que as eléctricas cobran máis. Un Xulgado de Vilalba recoñecía hai uns meses que Begasa e Iberdrola cobraban de máis a un cliente. Estes sobrecustos que se reparten entre a comercializadora e a distribuidora poden chegar a supor entre un 15 e un 65% máis do que se paga na factura.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta