“Por que contratan empresas que fan o mesmo traballo cos funcionarios do Servizo de Emprego?”

Agresións físicas e verbais aos funcionarios, falta de espazo que impide a privacidade dos demandantes de traballo e unha Administración empeñada en privatizar todo o que pode e máis. Este é a situación das oficinas do Servizo de Emprego en Galicia, segundo explica nesta entrevista Elisa Rodríguez Vázquez , presidenta do Comité da Administración do Estado na provincia da Coruña.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 26/02/2016 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

Que responde la Xunta de Galicia ao feito de que recibise 53 millóns na última década para modernizar as oficinas sen facelo?

Ofician do Servicio Público de Emprego, onde se tramitan as axudas do paro, en Pontevedra
Ofician do Servicio Público de Emprego, onde se tramitan as axudas do paro, en Pontevedra | Fonte: Adrián Estévez wikimedia

Aínda non podemos reponder a iso, porque despois de preguntalo en decembro mediante escrito dirixido á Dirección Xeral do Servizo Público de Emprego en Madrid, que eran os responsables de fiscalizar estes millóns que estaba transferindo o Ministerio á Xunta de Galicia para modernizar as Oficinas, aínda non obtivemos resposta. Tamén solicitamos en decembro entrevista coa Secretaría Xeral de Emprego da Xunta  de Galicia que, sospeitosamente, concedeunos a devandita entrevista  o día que remitimos a nota de prensa [o pasado luns], citándonos para o vindeiro día 10 de marzo.

 

Na súa recente denuncia pública alértase da falta de seguridade privada nas oficinas do SEPE. Por que é necesaria?

A incidencia de agresións, tanto verbais como físicas no Servizo Público de Emprego increméntanse ano a ano, segundo os datos que nos están facilitando. Entendemos que isto vai parello a esta situación indefinida que provoca desesperación nos parados e que descargan nos traballadores das Oficinas a súas angustias. Isto provoca nerviosismo e ansiedade no persoal, por iso demandamos seguridade privada, máximo si temos en conta que en Galiza non existen oficinas do SEPE que dispoñan dela; cousa que non ocorre no resto das Comunidades Autónomas.

 

Daquela nalgunha ocasión os funcionarios chéganse a sentir violentados?

Concretamente na oficina de Tornos na Coruña houbo  agresións físicas, e as agresións verbais forman parte do día a día. En particular nesa oficina cando se fixo a denuncia á Inspección de Traballo por incumprir a normativa de prevención, no requirimento que fixo a inspectora  á Xunta de Galicia recolle a necesidade de dotar esa oficina con garda de seguridade.  Daban de prazo para a súa execución  o 31 de decembro de 2014 e aínda non dispoñen de seguridade.

 

Pode poñer algún exemplo da falta de espazo que denunciaron públicamente?

Na oficina de Emprego de  Carballo os usuarios teñen que sentarse  de lado nas mesas. Na de Tornos na Coruña o espazo que hai incumpre a normativa de prevención, e ata que se instalou a cita previa, os usuarios  estaban amontoados esperando para ser atendidos. En todo caso, na maior parte das oficinas están as mesas de atención o público unhas pegadas a outras, co cal non hai nin un mínimo de intimidade, especial mención merece nestes casos as vítimas de violencia de xénero e os excarcerados cando van a facer algún tipo de trámite e teñen que expoñer o seu caso. Vemos que hai diferenza entre os espazos dos que dispoñen os traballadores da Xunta en detrimento dos do Estado, e que é perfectamente visible nas oficinas. Incluso hai diferenzas á hora de subministrar o material necesario para desenvolver ás súas funcións.

 

Temen que detrás das "condicións lamentables" nas que están as oficinas haxa a vontade política de ir avanzando na privatización de máis servizos no relacionado coas políticas de emprego?

A día de hoxe, a intención do goberno e privatizar ou externalizar todo o que se poida porque é un negocio rendible para a empresa privada que realiza as xestións. Segundo recoñece o propio Tribunal de Contas nalgúns casos, non está xustificado o aforro de cartos coas privatizacións, pero sería bo que se investigara e difundira que persoas son as principais propietarias ou accionistas das empresas que reciben esas concesións. Existen casos nos que os responsables da xestión deixan que esta se deteriore ate o extremo de que logo poidan xustificar que non se dá un bo servizo e por iso derívase ou contrátase con empresas externas. Tampouco entendemos casos como o do servizo de atención telefónica da Tesourería que, funcionando correctamente, sacaron do seu posto a funcionarios para darlle ese traballo a unha empresa privada. Como é posible que a Administración pague un soldo a un funcionario e pague a maiores a unha empresa para facer ese mesmo traballo? Non é unha multiplicación do gasto? Quen se beneficia disto? E si a isto lle engadimos  que precisamente a quen se lle adxudicou o contrato do servizo telefónico da Tesourería e unha filial da empresa  que se lle asignou tamén  un contrato público para insertar no mercado laboral as persoas desempregadas. Poderíamos dicir que se está beneficiando de cartos públicos por dúas vías. Primeiro, cobrando por prestar servizos propios da Administración. E segundo, cobrando por insertar eses parados nas súas propias filiais.

 

Como afectou a limitación da taxa de reposición ao cadro de persoal das oficinas de emprego? Está a darse un peor servizo do que se ofrecía antes da crise?

 O SEPE ten máis dun 10% do seu persoal con carácter interino e, a maiores, está sufrindo un envellecemento do seu persoal, algo que está a suceder en toda a Administración do Estado.  A este problema súmase que as xubilacións aumentaron considerablemente e non entrou novo persoal, o que deriva nunha maior presión laboral porque estamos menos para facer máis. A Administración Xeral do Estado non ten unha política real en materia de xestión de persoal e aos cargos directivos, que son na súa maioría políticos, lle falta a vocación de servizo público necesaria para prestar un bo servizo á cidadanía.

 

Cando un vai ao paro atópase que no mesmo inmóbel conviven dúas administracións: a da Xunta que recoñece a situación de desempregado e o Estado que xestiona as prestacións e as axudas. Isto sen dúbida carga de trámites e burocracia ao cidadán. Por que se mantén esta situación? 

Ao noso entender, esta duplicidade non xera un aumento da burocracia ou dos trámites a non ser polo sistema de cita previa establecido polo SEPE e o non establecido pola Xunta de Galicia; pero, en ocasións obriga ás persoas desempregadas a facer cola diante de dúas persoas para unha única xestión. Sería necesario establecer un sistema único que unificase o modelo de xestión, onde a persoa con una única cita que se puidera elixir dentro das que están libres, puidera acceder a todos os trámites que necesita facer na oficina. É un problema competencial, xa que o Estado négase a transferir a xestión das prestacións, e tampouco existen protocolos nin procedementos para a coordinación das competencias que afectando a un mesmo asunto (desemprego) están xestionada por distintas administracións. O problema non radica tanto no feito de que haxa competencias en mans de distintas administracións se non na inexistencia de mecanismos que obrigan á coordinación das políticas nestas materias.

 

Moito se debate sobre se os indicadores de recuperación macroeconómica son reais a pé de rúa. Que sensación teñen vostedes, que teñen que trafegar todos os días coa realidade do mercado laboral?

O que se percibe nas oficinas é que está aumentando  o número de contratos pero con peores condicións. Agora unha mesma persoa que logre traballar ten varios contratos ao mes e case sempre a tempo parcial (aínda que realmente traballe máis horas das contratadas). Xa non son raros os contratos por unha hora de traballo durante poucos días. Ademais, as retribucións son mínimas. Tamén están aumentando os falsos autónomos. Xente que ten que facerse autónomo para desenvolver un traballo que ata ese momento estaba desenvolvendo como traballador por conta allea. Todo isto deriva nunha precarización do mercado laboral.

 

O novo goberno, sexa cal sexa, deberá enfrontarse a manter ou tirar a última reforma laboral. Cal é a súa valoración dese cambio normativo? 

En canto á reforma laboral, a representación sindical a considera nefasta para a clase traballadora xa que, entre outras cousas abarata e posibilita o despedimento, aumenta a distribución irregular da xornada de traballo segundo quere a empresa, facilita o despedimento por estar de baixa médica e quere limitar os principios de representatividade e negociación colectiva.

 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 5 comentarios

4 eusi

O incremento da dívida do Estado espanhol até um biliom de € nom é por causas externas a este governo incomPPetente

3 castrapeiro

Mais, con quen fan o traballo esas empresas?

2 Xan

Sobra moito funcionario, de feito sobran todos, unha nefasta invención franquista a do funcionario español.

1 eusi

Pois cando teñas un acidente espera que veña a tua empresa privada a rescatarte e levarte nun elicóptero urxentemente a un hospital privado tamén. A desgraza mental e a envexa velenosa fai dicir barbaridades....

1 Pastelao

Cada vez que alguém lê esse 'porque' que leva o cabeçalho da entrevista morre um passarinho.