Córtanlle a electricidade a un hotel de Lugo ante a inoperancia de Industria

O establecemento enviou varios escritos á Delegación Territorial desta consellería polos abusos cometidos por Iberdrola na facturación eléctrica. Tras pedir o cambio de compañía eléctrica, a distribuidora decidiu cortalle a luz. Ningún dos escritos enviados ao departamento autonómico foi contestado.

Por Xurxo Salgado | Lugo | 29/02/2016 | Actualizada ás 11:18

Comparte esta noticia

O Hostal Porta de Santiago de Lugo quedou sen enerxía eléctrica o pasado venres pola “ineficiencia e inactividade” da Delegación Territorial da Consellería de Industria de Lugo, que evitou mediar nun coflito xurdido entre varias compañías e este establecemento polo cambio de comercializadora eléctrica.

Medición no contador da luz
Medición no contador da luz | Fonte: OCU

Así,  a distribuidora da zona, Begasa, decidiu cortarlle a electricidade a este establecemento a pesar de que este tiña formuladas varias reclamacións ante Industria que non foron atendidas. Así, e segundo informa a Oficina de Defensa e Información do Consumidor Eléctrico Industrial ( ODICE  S.L. ), entidade que está asesorando a este negocio, a delegación da Xunta en Lugo recibiu ata en 5 ocasións, desde o 20 de decmebro de 2012 até o 28 de abril de 2014, escritos por excesos de facturación por parte da Comercializadora Iberdrola.

Ademais, notificaronselle, até en tres ocasións, a Industria cambios de contador sen xustificar e sen previo aviso, nin coñecemento do titular da subministración, entre decembro de 2013 e abril de 2014, así como a utilización de contadores que, segundo esta entidade técnica, incumpren o Regulamento de Puntos de Medida eléctrica. 

Este establecemento tamén lle notificou reclamacións a Industria por incumprimento de subministración e de contrato pola Compañía Viesgo Comercializadora de Referencia o 21 de outubro de 2015 e o 29 de febreiro de 2015, ao non atender esta empresa a petición de subministración efectuada en setembro de 2015, “a pesares de ter esa obriga e tendo dereito a iso o consumidor por lei”, apunta a Oficina de Defensa e Información do Consumidor Eléctrico Industrial ( ODICE  S.L. ).

Ademais, presentáronse reclamacións contra a compañía distribuidora Begasa en dúas ocasións, ao non conceder o chamado Acceso a Terceiros á Rede (ATR) --é dicir, cando un usuario quere cambiar de compañía eléctrica--, a Iberdrola e á comercializadora Endesa coa que se formalizou contrato o 17 de setembro de 2015, “dentro do prazo establecido legalmente e sendo a súa obriga”.

Así, e tras o conflito deste establecemento coas distribuidoras e comercializadoras eléctricas, e as numerosas reclamacións enviadas, a Delegación Territorial de Industria, optou por desentenderse das mesmas ditaminando absterse de coñecelas e derivando o asunto aos Tribunais Xurisdicionais, “en contra do establecido pola lei e mesmo polas instrucións da Dirección Xeral de industria da Xunta de Galicia”, apunta a empresa técnica.

Esta actuación, que se repetiu en varias ocasións e repítese actualmente con consumidores industriais de enerxía, segundo informa ODICE  S.L.,  atópase a día de hoxe sen resolver. Así, aínda están pendentes de resolución os Recursos de Alzada efectuados correspondentes ás primeiras reclamacións efectuadas no ano 2014, así como as últimas reclamacións efectuadas no ano 2015.

O hostal está funcionando desde o pasado venres cun xerador eléctrico para evitar ter que pechar as súas portas coas perdas económicas que iso conlevaría para o seu persoal e clientela.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

2 eueu

O PPodres xa tiraron a toalla, xa tanto lle tén todo. Nin miran polo que sempre din que defendeu o PP, ao pequeno empresario. En fin, que as delegacións territorias da Xunta son un niño de mequetrefes que non puideron entrar na Xunta en Santiago ou en San Caetano e mándanos a provincias, a chuPPar do bote canto podan antes da debacle que lle espera a ese partido PPodre

1 Wenceslao

Seguro que estaba de moscosos el funcionario encargado del asunto.

1 eusi

É mellor estar de moscoso que atender a mocosos...