A modo de homenaxe ás librarías resistentes

Dúas librarías pechan cada día en España, estatística que semella a hecatombe para todos aqueles que aínda cremos que salvar o espazo é posible coa forza dos libros.

Por A arte é azul - Tensy Gesteira | Bueu | 28/02/2016 | Actualizada ás 10:57

Comparte esta noticia

552139_396151673825712_999837618_n

Manuel Rivas

No mundo tan inmediato e globalizado de hoxe están en continua loita dúas realidades: a dun mundo que se fragmenta entre moitos produtos culturais accesibles desde diferentes dispositivos, e por outro, a perda de lectores da literatura tradicional e como consecuencia, da influencia das librarías como lugares de mercado.

A alternativa para subsistir pasa, pois, por reinventarse, e xa son moitas as tendas de libros que organizan clubs de lectura, sesións de contacontos, encontros de autores con lectores, e que implementan aínda máis o que as librarías están sendo: lugares de encontro, que van máis alá da mercadotecnia de libros. Pero, a figura do libreiro nunca se considerou como a dun tendeiro, por poñer un exemplo, xa que vender un libro é vender contido, e non só un produto. Quen crea o contrario, errou na escolla de oficio.

As librarías teñen futuro se se ven como espazos interactivos, onde conflúen persoas que aman os libros e as recomendacións, ademais das actividades colaterais que se organicen. Precisamente desa realidade e dese mundo que desaparece día a día fálanos Manuel Rivas en O último día de Terranova, publicado pola Editorial Xerais en galego e por Alfaguara en castelán. Na súa recente obra, o autor d’ O lapis do carpinteiro, fai un alegato da función das librarías, sobre todo das de vello, que dende sempre foron lugares nos que atopar obras prohibidas, inaccesibles, ‘obras de contrabando’, como se adoita dicir.  Vicenzo Fontana é un libreiro que herdou a actividade da libraría familiar, cunha tradición intensa e familiar, e que se ve obrigado a colgar un cartel na porta coa aterradora mensaxe de “liquidación final de existencias por peche inminente”. E é que a crise económica chegou tamén ao seu pequeno negocio, ao igual que a moitos dos comercios locais desa Terranova ficticia que non deixa de ser máis que calquera dos lugares nos que o grande comercio catapulta os negocios familiares.

552139_396151673825712_999837618_n

É esta unha homenaxe aos pequenos establecementos, aos resistentes, aos que seguen crendo que a proximidade ás persoas é un valor engadido á hora de ofertar e mercar un produto. O autor e xornalista coruñés non escatima en detalles irónicos mesmo en temas tan serios como é que o peche dunha libraría é no fondo unha forma máis do pouco que ás veces importa a cultura.

“Hai tempo que non vexo xente nova roubando libros. Esa excitación que se produce co corpo, na ollada. Teño que volver axiña á libraría. Se cadra hai alguén que quere roubar un libro. Que chasco vai levar. Que desilusión”.

Na libraría de Terranova hai libros, moitos, pero tamén hai historias que ateigan as vidas dos familiares e antepasados de Vicenzo: o tío Eliseo, o xornalista Cecilio, os seus pais Comba e Amaro, a enigmática rapaza arxentina Garúa, de xeito que temos un espazo máxico, no que tamén está presente a pantasma da Guerra Civil e do que significou este momento para os libros. Ao igual que n’ Os libros arden mal e n’ O lapis do carpinteiro, as verbas saben a clandestinidade, e os libros teñen ese cartaz de prohibido, como a liberdade neses anos escuros.

Tras a lectura deste libro quédanos preguntarnos arredor do futuro dos libros, e de se este pasa polo contacto humano das librarías ou polas grandes cadeas e polo xigante Amazon. Quédanos preguntarnos tamén se esta présa que a miúdo afoga as nosas vidas merece a pena ata nun momento tan íntimo e máxico como mercar un libro.

A prosa envolvente desta obra fainos ver Terranova como calquera dos lugares nos que a diario desaparece unha libraría, e con ela quedan soterrados os miles de soños, vivencias, cafés e libros que compartiron as persoas que por ela pasaron e a creron un fogar, ese fogar no que pensamos cando o mundo é demasiado complexo para o noso entendemento.

De todos nós depende que moitas Terranovas sigan en pé, e continúen defendendo como resistentes a cultura que se nos legou durante séculos.


Tensy Gesteira

Tensy Gesteira, xornalista e redactora no blog de literatura Lecturafilia, creado en 2013. Son das persoas que penso que unha vida se explica a través da cultura que te acompaña nela, e por iso me rodeo de infinitos libros, son una bibliófila que le en cada oco que ten libre, e que goza compartindo impresións cos demais. Nesta sección atoparedes un pouco de min, dese pouso que os libros deixan, e sobre o que estes me fan reflexionar.
linkedin.com/tensygesteira
facebook.com/tensygesteiraestevez
twitter.com/tensygesteira

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta