As mulleres só representan o 35% dos traballadores no sector TIC galego

Crece o traballo no sector dedicado ás tecnoloxías da información e da comunicación, pero non se traduce nunha diminución da fenda de xénero, que se mantén en termos similares ao ano 2014.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 01/03/2016 | Actualizada ás 12:46

Comparte esta noticia

A porcentaxe de mulleres traballadoras no hipersector TIC, que integra os sectores tecnolóxico e de contidos, é do 35,1%, situándose a fenda de xénero en 29,8 puntos porcentuais. No sector contidos é onde se rexistra a menor fenda de xénero, cunha porcentaxe de traballadoras do 41,5% fronte ao 33,1% do sector TIC. Son datos dunha nova edición do estudo temático “As mulleres e as TIC”, publicado polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

As mulleres seguen sendo minoría no sector das tecnoloxías da información e da comunicación
As mulleres seguen sendo minoría no sector das tecnoloxías da información e da comunicación | Fonte: Comisión Europea.

En termos evolutivos, a afiliación á Seguridade Social no hipersector TIC incrementouse no último ano en 1.195 persoas (un 6,1%), aumento derivado exclusivamente do sector TIC, onde o número de afiliados se incrementou en 1.283 persoas (un 8,9%). Non obstante, este significativo aumento do emprego do sector TIC non se traduciu nunha diminución da fenda de xénero, que se mantén en termos similares ao ano 2014.

Escaso emprendemento feminino no hipersector TIC

No hipersector TIC, os afiliados no réxime xeral da Seguridade Social aumentaron en 1.240 persoas (un 8%), sendo 439 o incremento de mulleres neste réxime de cotización (un 7,6% máis que o ano anterior).

En canto ao emprendemento, o hipersector TIC rexistra só un 27% de presenza feminina no réxime especial de autónomos do Hipersector TIC (1,2 puntos porcentuais menos que no ano anterior).

Tanto no sector TIC como no sector contidos, a fenda de xénero é superior no ámbito dos emprendedores (autónomos/as) que no caso do réxime xeral. É destacable que no sector contidos, a presenza de mulleres emprendedoras é 5,7 puntos porcentuais superior ás emprendedoras do Sector TIC.

Redúcese a fenda no sector contidos e increméntase no sector TIC

O sector contidos, un ano máis, é o que rexistra unha maior paridade entre homes e mulleres, aínda que a balanza continúa a favor do xénero masculino. A porcentaxe de mulleres neste sector sitúase no 41,5%, incrementándose no último ano en 0,8 puntos porcentuais e diminuíndo a fenda a 17 puntos porcentuais.

No caso do sector TIC, a porcentaxe de mulleres sitúase no 33,1%, unha cifra que ven descendendo de maneira paulatina ano a ano. Dentro do sector, o eido das Telecomunicacións é o que conta cunha maior porcentaxe de mulleres entre os seus traballadores, acadando un 36,6%.

Formación académica 

O 34,9% dos traballadores do sector TIC son homes que contan con formación TIC de grao medio ou superior, mentres que só o 11,2% dos traballadores son mulleres que dispoñen da mesma formación académica.

Tamén cabe salientar a significativa fenda existente en canto a presenza nas empresas de mulleres con ciclos formativos superiores TIC: 16,6% de homes fronte a tan só un 2,7% de mulleres.

Funcións

Se atendemos ás áreas funcionais das compañías do sector tecnolóxico galego, a presenza de mulleres e homes tampouco é homoxénea. Así, só o 13,7% das mulleres que traballan no sector desenvolve funcións TIC, fronte ao 51,8% dos homes. En relación ao persoal non adicado a tarefas TIC, a porcentaxe de mulleres (12,1%) é só 1,3 puntos inferior á dos homes (13,4%)

A porcentaxe de mulleres directivas nas empresas TIC galegas sitúase no 18,6% e a fenda dixital no persoal adicado a I+D+i acada os 66 puntos porcentuais.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta