As abellas do mel non son as únicas que están en perigo

Un grupo de máis de 30 científicos reunidos en Vigo aseguran que outras poboacións de abellas silvestres “ teñen un futuro máis incerto”.

Por Galicia Confidencial | | 02/03/2016 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

“O problema do declive das abellas non afecta unicamente ás do mel e reducilo a esta especie fai que o deterioro da situación dunha gran diversidade de abellas silvestres pase inadvertido”. Con esta contundencia maniféstanse os máis de 30 científicos e científicas do grupo de traballo Ecoflor sobre ecoloxía e evolución floral da Asociación Española de Ecología Terrestre, AEET, que nun artigo publicado na revista Quercus advirten do problema que supón reducir o declive das abellas a unha sola especie. Luis Navarro e Ángel Vale membros do Grupo de Ecoloxía e Evolución das Plantas, son os representantes da Universidade de Vigo na asociación, que sinala que as maioría das abellas que están en perigo non contribúen a polinizar cultivos e tan só unhas poucas especies, as máis resistentes, son quen de prosperar en zonas agrícolas debido ao forte impacto humano.

Andrena agilissima, un tipo de abella silvestre
Andrena agilissima, un tipo de abella silvestre | Fonte: Uvigo

Desde Ecoflor lembran que España e en toda a conca do Mediterráneo hai máis de 1000 tipos de especies, moitas delas endémicas, polo que cómpre abordar este problema desde un contexto máis amplo e non como un problema que só afecta á abella do mel e á produción agrícola. “Si queremos optimizar a produción de froitos necesitaremos que exista unha certa diversidade de especies, xa que, por exemplo, a abella do mel non é boa polinizadora de cultivos como o tomate”, explican os e as investigadoras, que sinalan que, pese a que a mortalidade destas abellas aumentou de xeito preocupante, o seu número a escala mundial é estable ou está a medrar, debido ao aumento da actividade apícola. Fronte a esta situación, sinalan que outras poboacións de abellas silvestres si que teñen un futuro máis incerto e apuntan, que ante os cambios introducidos polo home, moitas das especies “perdedoras” quedarán reducidas a pequenas poboacións o incluso extinguiranse.

Nin unha soa causa, nin unha soa solución

Para os integrantes de Ecoflor o problema máis evidente é a destrución do hábitat e neste sentido apuntan a que máis dun 40% da superficie terrestre atópase modificada directamente pola acción do ser humano e moitas das abellas silvestres non poden obter recursos ou se ven negativamente afectadas polo grao de modificación destes. O uso de insecticidas, herbicidas e a introdución de especies exóticas, son outros problemas que apuntan os investigadores e investigadoras, que tamén sinalan que o cambio climático “está provocar que algunhas especies de abellas empezasen a migrar en altura ou latitude cando a temperatura non é axeitada para o seu desenvolvemento”, apuntan. Así mesmo, instan a regular a apicultura, especialmente nos espazos protexidos, xa que “desgraciadamente a abella do mel e o seu aproveitamento no é unha actividade amigable co medio ambiente, porque convertida nunha industria, leva consigo custos ambientais que cada vez son máis evidentes”.

Os e as autoras do artigo formulan varias solucións ao problema como a implementación de mellores prácticas apícolas, regular o transporte e alimentación, coñecer a epidemioloxía das enfermidades e a interacción cos plaguicidas aos que están expostas. Propoñen que para conservar as abellas silvestres raras e ameazadas cómpre conservar os seus hábitats e as plantas das que dependen, así como reducir o uso de plaguicidas, a creación de paisaxes máis heteroxéneos, campos de cultivo máis pequenos e máis elementos semi-naturais como bandas florais ou “malas herbas”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta