Por Galicia Confidencial | Compostela | 03/03/2016 | Actualizada ás 13:35
A XV Asemblea Nacional do BNG deixou moitas feridas abertas e un clima insostible para algúns históricos militantes da fronte nacionalista, que se vén descompoñendo sen que a UPG —partido que mantén un duro control sobre o Bloque— atope a fórmula para revitalizalo. Á marcha xa anunciada de Carlos Ameyrich, a substitución de Xavier Vence e as ameazas de varios cargos e militantes de deixar o BNG, súmase agora un histórico desta coalición, o ex-vicepresidente da Xunta Anxo Quintana.
Quinta deixa o BNG porque non se identifica xa neste proxecto político no que, di "a visión critica, en lugar de ser excepción, converteuse en norma", o cal foi para el síntoma de que estaba "ubicado no lugar equivocado".
O ex-vicepresidente do bipartito di non compartir as formulacións políticas que mantén a día de hoxe a fronte nacionalista. Por iso, xa tramitou a súa baixa como militante. Segundo adianta La Voz de Galicia, Quintana di "non compartir, nin na forma nin no fondo, ningunha táctica e ningún dos obxectivos estratéxicos do proxecto político do BNG de hoxe".
Así llo comunicou á dirección do Bloque na súa carta de renuncia, enviada o pasado martes á responsable do BNG de Allariz, localidade da que foi alcalde antes de dar o salto á Xunta. Nela, Quintaba salienta que se dá de baixa do BNG, mais "non de nacionalista". E subliña que se ben non atopa ningún espazo político institucional co que se identificarse e desde o que exercer a súa militancia nacionalista, móstrase "disposto a colaborar sempre na construción nacional de Galicia".
Quintana non quere manterse no BNG por simples nostalxias do pasado. "A militancia nun proxecto político —di— non pode estar motivada só por sentimientos de amizade e recordos dos tempos pasados".
O pasado ano, Quintana volveu á primeira liña da política galega coa plataforma Somos Nós, coa que tenta abrir novos espazos de debate para o nacionalismo galego.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.