Sanidade ameaza con sancións aos sanitarios que protesten pola carencia de recursos

Os traballadores mobilízanse nos hospitais Álvaro Cunqueiro e Meixoeiro polos ataques á liberdade de expresión tras pedir a dirección do Chuvi que se retiren as mensaxes críticas coa falta de persoal ou os problemas na xestión destes centros.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 10/03/2016 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

Traballadores do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Chuvi) protestaron este mércores  nos hospitais Álvaro Cunqueiro e Meixoeiro polos intentos por parte da Xerencia de censurar as críticas pola falta de persoal ou polos problemas na xestión destes centros hospitalarios

Protestas de profesionais sanitarios no Álvaro Cunqueiro pola falla de liberdade de expresión
Protestas de profesionais sanitarios no Álvaro Cunqueiro pola falla de liberdade de expresión | Fonte: CIG

O motivo desta mobilización ten que ver cunha circular do responsable da EOXI, Félix Rubial, no que insta os xefes/as de servizo a retirar as mensaxes que os traballadores puxeron no centro e nas que denuncian as carencias existentes nos centros médicos da rede sanitaria pública viguesa. Ao mesmo tempo, o comunicado advirte da posibilidade de que se impoñan sancións no caso de que os carteis e os avisos volvan aparecer nos corredores dos centros médicos.

“Dende hai certo tempo -sinala a circular- están sendo expostos nas dependencias do hospital, en lugares non autorizados e utilizando diversos soportes, mensaxes alertando sobre o deficiente funcionamento das unidades e as súas posibles consecuencias para a saúde dos doentes debido á presunta insuficiencia do cadro de persoal na unidade, entre outros”. Esta, acusa o xerente, é unha información que “claramente induce temor, alarma e desconfianza entre pacientes e familiares sobre a asistencia sanitaria”.

Segundo o responsábel sanitario, a exposición de mensaxes críticas coma estas “pode vulnerar o dereito da debida protección da saúde” e por iso “procederase á retirada inmediata”. Ademais, sinala que “os empregados públicos que exhiban esta información ou a difundan polo centro hospitalario expóñense de agora en diante a posíbeis sancións administrativas”. Estas sancións poden afectarlle aos responsábeis das unidades nas que se manteñan expostas as mensaxes “por ir contra o Estatuto Marco para o persoal estatutario dos servizos de saúde”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta