A Xunta quere facer de Galicia unha pequena Holanda para ciclistas e peóns

Aproba o Plan de Sendas para crear 170 quilómetros de camiños nas principais áreas metropolitanas de Galicia. Nunha primeira fase actuarase en Bergantiños, Santiago, Ferrol, a Terra Cha, Vigo e A Coruña.

Por Xurxo Salgado | | 10/03/2016 | Actualizada ás 16:32

Comparte esta noticia

Será posible ir andando ou en bicicleta desde A Coruña ata Vigo por un vial apropiado e acondicionado?. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, non negou esta posibilidade tras presentar este xoves o primeiro Plan de Sendas de Galicia que recolle a creación de 170 quilómetros de pistas especialmente adaptadas para ciclistas e peóns.

Un carril bici en Carballo
Un carril bici en Carballo | Fonte: Turismocarballo.com

Foi un dos principais anuncios que fixo na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta e na que avanzou que o obxectivo final deste plan é crear longos itinerarios por todo o país. “O obxectivo é reforzar a mobilidade sustentable e incentivar á xente para que vaia a pé ou en bicicleta ao médico, á farmacia ou a un centro comercial”, suliñou.

Por iso, a primeira fase, que xa é de licitación inmediata, segundo apuntou, abarcará a realización de 75 quilómetros de camiños en Bergantiños, Santiago, Terra Cha, Ferrol, Vigo, A Coruña e o Salnés, especialmente, para conectar as grandes urbes coas súas áreas metropolitanas. “Nun primeiro momento trátase de darlle prioridade ás sendas de proximidade e de continuidade que xa están feitas pero que non están conectadas entre si”, indicou.

Nunha segunda fase, na que se licitarán os 95 quilómetros restantes, estas pistas chegarán a Lugo, Ourense, Pontevedra e O Morrazo. “Non se trata de facer sendas por facer sendas, senón de que a xente as poida utilizar para facer as súas cousas cotiás”, insistiu Feijóo. Ademais, serán construídas tendo en conta criterios de poboación, tráfico, oreografía e clima.

Aínda que non avanzou datas sobre a posta en marcha destas pistas, o presidente galego suliñou que xa están definidos os tipos, os materiais e a imaxe das mesmas. Así, estas sendas, recalcou, estarán “integradas na paisaxe” e serán realizadas con “materiais do país”. Serán de catro tipos; completa –para peóns e bicicletas, mixta, mixta con bordo e mínima. Todas elas contarán con pavimentación, bordos e sinalización homoxénea.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Manuelinho

O problema é que a Xunta (e outros) pensam nas bicicletas só para o passeio e o lazer, e não como um meio de transporte. Por isso só fazem rotas turísticas (em parques, passeios marítimos, etc.), e não nas principais ruas e avenidas das vilas e cidades.

1 Fendetestas

Xa nos gustaría pero temo que non é mais que publicidade barata, esto debería saír na prensa cando esté rematado e mentras recalcar o " quere facer".