Feijóo defende cambiar as leis para adaptalas ás esixencias das grandes empresas

“Parécelle ben que os poderes políticos se sometan aos poderes económicos, sexan con chantaxes”, preguntoulle GC ao presidente da Xunta tras reclamar este un cambio do PXOM de Lugo para acomodalo ás esixencias de Leche Río.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 10/03/2016 | Actualizada ás 18:16

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, insistiu hoxe en adaptar certas normativas ás esixencias de algunhas grandes empresas ou multinacionais que nos últimos tempos están tendo problemas para levar adiante os seus plans industriais, sexa Citröen en Vigo ou Leche Río en Lugo.

Feijóo na rolda de prensa do Consello da Xunta
Feijóo na rolda de prensa do Consello da Xunta | Fonte: xunta.gal

Na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, Feijóo insistiu en que son as administracións públicas as que “teñen que buscar solución” aos problemas que elas mesmas crearon na aprobación de plans urbanísticos que impiden o desenvolvemento industrial de certas empresas.

Esta foi a resposta que lle deu o presidente galego ao Galicia Confidencial cando se lle preguntou por estes casos:

“- Como presidente da Xunta, parécelle ben que os poderes políticos se sometan aos poderes económicos, sexan por chantaxes dunha gran multinacional, como é o caso de Vigo, que non respecta unha sentenza xudicial, sexa en Lugo, cun empresario ao que teñen criticado moitos gandeiros, que non acepta o PXOM desta cidade?

- Pero a que a empresa de Vigo se refire vostede?

Bloqueo da planta de Leite Río
Bloqueo da planta de Leite Río | Fonte: campogalego.com

- Pois a gran multinacional que hai na cidade, Citröen

- Ah. E vostede pensa que a multinacional Citröen está a incumprir o PXOM de Vigo?

- Home, ata agora había unha sentenza que invalidaba a posibilidade de que esa factoría ocupara uns determinados espazos urbanos

- Primeiro: O titular das instalacións nas que se vai a ubicar parte da empresa é a Zona Franca de Vigo e o compromiso con Citröen era deixar facer o que legalmente estaba previsto facer e, quen incumpre, será aquel que previamente lle dera autorización para facer. Porque se nos confundimos entre os que cumpren e incumpren, non imos ser capaces de avanzar. Se alguén tiña, no plan xeral, capacidades de crecer e facer instalacións e presenta a súa candidatura para facer dous millóns de vehículos nesa factoría, e cando está en execución esa infraestrutura, pois o Concello ten sentenzas continuadas de irregularidade do plan, pois esa empresa non ten ningunha responsabilidade. Ao contrario, o que temos que facer é buscar unha solución ante un problema que as administracións públicas creamos.

E, en relación ao asunto de Lugo, este asunto tiña que ter quedado resolto no Plan de Ordenación Urbana do 2011, como quedaron resoltas cantidade de cuestións. Ou, como na Lei do Solo damos solución a cantidade de problemas, edificios, empresas, instalacións que estaban en zonas marítimo-terrestre, coa Lei de costas, que axudou a moitos veciños a regularizar a súa situación e as súas empresas e naves. Pois en consecuencia, non debemos xogar con este tipo de cuestións, agás que teñamos interese en que as administracións públicas estean, exclusivamente, para formar parte do problema e non para formar parte da solución”.

Previamente, Feijóo insistira na necesidade de modificar o PXOM de Lugo tras confirmar o Tribunal Supremo a orde de demolición da planta de Leche Río situada no polígono do Ceao e as ameazas do seu propietario de levar a produción fóra de Galicia.

Así, dixo que esta situación "non é un tema menor" porque esa planta recolle o leite de "400 gandeiros" e a compañía recolle o leite de máis de 900 gandeiros en toda Galicia. Unha empresa que, curiosamente, foi moi criticada, e mesmo bloqueada, nas recentes tractoradas por incumplimento do pacto lácteo.

“Chama a atención que hai determinadas cidades solidarias cos problemas do lácteo e que dan cabida a tractores durante semanas e que non teñen resolto o problema que está nas súas competencias", apuntara Feijóo ao respecto.

Factoría de Citröen en Vigo
Factoría de Citröen en Vigo | Fonte: autocity.com
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 O´Xota

Parabéns pola pregunta, xa está ben de tanta prensa subvencionada rendendo pleitesía nestas roldas de prensa. Semella que se sentiu incómodo, bo traballo!